Reclaman ao Goberno central que "normalice" a admisión de documentos escritos en galego na administración

Galicia En Común pide pór fin aos "ataques constantes" á lingua galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2021 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

Galicia En Común reclamou ao Goberno central que "normalice" a admisión de documentos escritos en galego na administración e poña fin aos "ataques constantes" á lingua propia de Galicia.

O deputado no Congreso Antón Gómez-Reino rexistrou unha pregunta dirixida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o rexeitamento da oficina de Costas en Pontevedra a un informe do Concello de Cambados por estar escrito en galego. O parlamentario e secretario xeral de Podemos Galicia censura a actuación da administración, que supón un "ataque" á lingua galega.

"Os concellos teñen o dereito a elaborar os seus documentos en galego, así o recolle a Carta Europea de Linguas Rexionais", incidiu o deputado, que pide á Administración central que "normalice" a admisión de docuementos en galego e cumpra a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

REXEITAMENTO DO DOCUMENTO

O Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rexeitou un documento técnico elaborado polo Concello de Cambados para a tramitación do plan especial do porto de San Tomé e Tragove por estar escrito en galego.

O mesmo informe fora remitido a varios departamentos da Administración estatal pero unicamente foi rexeitado por estar en lingua galega pola delegación pontevedresa do servizo de Costas. A oficina de Costas escudouse no artigo 15 da Lei 39/2015, onde se establece o castelán como lingua para os procedementos administrativos.

Con todo, ese mesmo artigo permite que o interesado escolla a lingua na que realizar o trámite, aínda que fixa que, no caso de que existan varios interesados e existise unha discrepancia en canto ao idioma, o castelán prevalecería por encima do resto. Para Xurxo Charlín, "é incomprensible" que o Servizo de Costas de Pontevedra careza dunha persoa "que poida interpretar un documento técnico escrito en galego".

Así, o goberno local verase obrigado a traducir ao castelán as máis de 400 páxinas que compoñen o informe, o que suporá "un importante atraso" na tramitación do plan especial do porto cambadés, en elaboración desde o ano 2014 e que ten no documento rexeitado por Costas o penúltimo paso antes de poder ser levado a pleno para a súa aprobación.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino / Podemos. / Europa Press
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino / Podemos. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta