Último adeus ao conselleiro Valeriano Martínez

Familiares, achegados e todos os membros do Goberno galego asistiron ao funeral celebrado na igrexa San Martiño de Bueu.

Por Europa Press / Redacción | Bueu | 08/10/2021 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

Familiares e achegados despediron este venres ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nun funeral celebrado na igrexa San Martiño de Bueu e ao que asistiron numerosas persoas. Así, acudiron os integrantes do Executivo autonómico, encabezados polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, aos que se viu visiblemente emocionados.

Numerosas persoas, entre elas os membros do Goberno galego encabezados polo presidente Alberto Núñez Feijóo, asisten en Bueu ao funeral do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
Numerosas persoas, entre elas os membros do Goberno galego encabezados polo presidente Alberto Núñez Feijóo, asisten en Bueu ao funeral do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez | Fonte: Europa Press.

Ademais, tamén se puido ver a autoridades como o titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, e numerosos membros do Partido Popular, como Ana Pastor e diversos deputados autonómicos.

Tras o falecemento do conselleiro de Facenda debido a unha parada cardiorrespiratoria cando se atopaba traballando no seu despacho de San Caetano, o Consello da Xunta decretou tres días de loito oficial en Galicia. Ademais, aprobou a encomenda temporal das competencias de Facenda para a Vicepresidencia Primeira, que dirixe Alfonso Rueda.

Natural de Aldán, en Cangas --aínda que residía en Bueu--, Martínez naceu en 1961. Era licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración.

Desde 1985, era funcionario do corpo superior de administración xeral do departamento autonómico de Facenda e exerceu diversos cargos públicos, ata que en febreiro de 2015 foi designado por Feijóo para substituír a Elena Muñoz á fronte da Consellería. Antes ocupara a secretaría xeral de Presidencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta