Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 21:00
O peche de oficinas bancarias está a ser un dos grandes motores de mobilizacións en Galicia nos últimos meses. Aínda que a maior parte das protestas se concentraron no 'desmantelamento' da estrutura bancaria do rural, a derradeira manifestación contra esta descapitalización que afecta a Galicia vén de ter lugar en Pontevedra da man da CIG.
A Confederación concentrouse na capital de provincia contra os despidos e o peche de oficinas do BBVA, que en Galicia suporía a supresión de 26 sucursais e un centenar postos de traballo. A mobilización chega despois da protesta celebrada na localidade coruñesa da Laracha o mércores pasado. Desta vez, tivo lugar de 11:00 a 12:00 horas e consistiu no despregamento ás portas da entidade, onde se berraron consignas contra os plans da empresa e polo mantemento do emprego.
PECHES "AOS POUCOS"
O secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, lembrou que o ERE do BBVA suporá o despedimento de máis de cen traballadoras e traballadores. Neste senso, Fernández denuncia que o banco está aplicando os despidos e os peches "aos poucos" para minimizar o impacto social do ERE, e incluso deixando oficinas atendidas por axentes financeiros externos (a empresa, apuntan dende o sindicato, bota persoal propio para contratar persoal falso autónomo en peores condicións), para simular que non hai cambios, aínda que no longo prazo acaba cerrando definitivamente as sucursais.
A CIG, destacan, "opúxose dende o primeiro momento ao ERE (asinado por CCOO, ACB e UGT) por ser inxusto e inxustificado". Apuntan, neste aspecto, ao feito de que o banco obtivo beneficios millonarios, que existe unha enorme sobrecarga de traballo na rede de oficinas e que a clientela demanda atención presencial, "como evidencian as colas que se forman nas oficinas".
Pero “o BBVA só quere aumentar aínda máis os beneficios e o reparto de dividendos entre os/as accionistas, reducindo persoal e precarizando as condicións laborais de quen queda, e sen importarlle as consecuencias que os peches teñen para a poboación, que se ve obriga a ter que desprazarse a outras localidades para realizar as operacións bancarias”. Peches que, xunto á dixitalización forzada da clientela, son utilizados polos bancos para xustificar máis despedimentos, de acordo coa versión achegada pola Confederación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.