Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2021 | Actualizada ás 20:44
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, defendeu o control xudicial sobre as medidas administrativas, tamén as sanitarias, xa que a falta desa supervisión "sería un problema". Nunha entrevista concedida este domingo a Cadea Ser e recollida por Europa Press, o presidente do Tribunal argumentou que non sería adecuado, "ao prezo que se está pagando pola pandemia", engadir o preio da "quebra do Estado de Dereito".
"O control xurisdicional das decisións é un alicerce do Estado de Dereito. É importante que non esteamos alleos, sobre todo se son decisións restritivas de dereitos fundamentais", argumentou. Nesta liña e respecto da diferenza de criterios entre tribunais e á posibilidade de que iso menoscabe a credibilidade dos xuíces, Díaz-Castroverde comentou que "hai que porse en cada caso porque, aínda que pareza idéntico a outro, non todos o son".
MARUXAINA
Ao máximo responsable do TSXG preguntóuselle por un caso polémico, o da Maruxaina, que foi arquivado polo Xulgado nº1 de Instrución de Viveiro, e contra o que se presentou recurso. O caso baséase na denuncia de 30 mulleres que foron gravadas, sen o seu consentimento, ouriñando en plena rúa durante as festas populares da Maruxaina en Cervo en 2019; unhas imaxes que acabaron en webs de pornografía.
"Un presidente non debe entrar nestas cuestións e debe apoiar a independencia e imparcialidade dos xuíces e deixar que os tribunais resolvan a cuestión, pero creo que os dereitos da muller están protexidos polos xuíces", defendeu Díaz-Castroverde, que pediu ademais esperar a que se resolva o recurso de apelación ante a Audiencia de Lugo.
A este respecto, tamén se cuestionou se é necesaria unha maior formación en igualdade, ao que o presidente contestou lembrando o "fortísimo" programa de formación en materia de violencia de xénero, que cursan este ano 300 maxistrados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.