Lixo nas praias galegas: cadeiras, restos de bateas e ata unha viga de ferro

As cabichas e os pauíños para os oídos volveron ser os principais restos recollidos na X Limpeza Simultánea de Praias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O outono deixa en Galicia unha das actividades clásicas do movemento ecoloxista: a limpeza simultánea de praias ao longo da costa autonómica.  Durante a pasada fin de semana unhas 26 entidades entidades e máis de 1000 persoas sumaron os seus esforzos no do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño na Décima edición da Limpeza Simultánea de Praias.

Limpeza realizada por mariscadoras en praias de Outes
Limpeza realizada por mariscadoras en praias de Outes | Fonte: remitida

Así o veñen de apuntar dende ADEGA, que subliñan que, se ben o tempo non acompañou, isto non foi impedimento para as persoas voluntarias en realizar a acción. "Diferentes areais das nosas costas foron limpados para poder así visibilizar a problemática do lixo mariño e dar un toque de atención á cidadanía". Entre os participantes contáronse centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubes de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e "entidades de todo tipo", tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares.

Os achados obtidos nos aerais volveron ser diversos. "Entre o lixo atopado nos nosos areais sempre teñen moita presenza as cabichas, os pauíños de limpar os ouvidos e restos de plástico e bateas. Sempre nalgún areal aparecen residuos algo máis chamativos como: botas de pescador, unha viga de aceiro, cadeiras de praia e incluso roupa esquecida...", subliñan dende a asociación-

Con este tipo de accións ADEGA pretende "dar a coñecer a problemática nos nosos areais" despois da tempada de turistas, a importancia de conservar limpas a nosas praias e evitar que así o lixo acabe no mar. De aí que chamen a "calquera persoa" a recoller o lixo do litoral "sempre que poida". "As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita", puntualizan para rematar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta