Por Galicia Confidencial | Vilagarcía | 03/11/2021 | Actualizada ás 21:30
Os traballos de levantamento da foxa común en Vilagarcía que contén os corpos de vítimas da violencia franquista entre 1936 e 1937 son xa unha realidade. Comezaron este mércores, ao abeiro do Convenio Cuadrienal de Memoria Democrática asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, e trátase do primeiro soterramento irregular que se exhuma en Galicia seguindo o protocolo de actuación promovido polo grupo HISTAGRA, co apoio de Medicina Xenómica da USC e do IMELGA.
O obxectivo dos traballos é atopar e identificar os corpos de 18 persoas asasinadas en Vilagarcía de Arousa e soterradas de xeito irregular neste espazo. Para chegar a esta fase, o grupo HISTAGRA desenvolveu ptreviamente un "exhaustivo traballo de investigación" en arquivos de Galicia como o Arquivo Municipal de Vilagarcía, o Arquivo Militar de Ferrol, o Arquivo civil de defunción de Vilagarcía e terraememoria.usc.gal da USC.
Tras os traballos arqueolóxicos que desenvolve a empresa Tempos Arqueólogos e supervisa o doutor Sánchez Pardo, o proceso para a dignificación deste espazo proseguirá coas análises forenses por parte de Fernando Serrulla Rech e cos cotexos de ADN no laboratorio de Ángel Carracedo Álvarez.
O equipo de traballo está formado polo catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, o arqueólogo e investigador da USC, José Carlos Sánchez Pardo, o médico forense do IMELGA, Fernando Serrulla Rech, e o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo Álvarez. Coa colaboración do concello de Vilagarcía e a colaboración na investigación e na posta en marcha dos traballos por parte da Asociación cultural local O Faiado da Memoria, comezaron os traballos arqueolóxicos no Cemiterio Municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.