Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2021 | Actualizada ás 13:30
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, asegurou este luns que Galicia estará en disposición de recuperar a riqueza prepandemia no primeiro semestre de 2022, cun crecemento do PIB sostido do 6%.
"Co ritmo de crecemento que levamos este ano e de acordo ás previsións do Instituto Galego de Estatítisca (IGE) para o seguinte, podo confirmar que Galicia está en disposición de recuperar a riqueza prepandemia en primeiro semestre de 2022 e superala ao longo do próximo exercicio", sinalou.
"Así o estimamos porque vemos un crecemento do PIB sostido do 6% tanto este ano como o próximo", explicou o conselleiro, que detallou que este crecemento estará sostido tanto no incremento do consumo privado e como nun "especial esforzo" en investimento produtivo por parte da administración autonómica, que terá reflexo no crecemento do "8,1% en formación bruta de capital", no que se terá en conta tamén a execución dos fondos Next Generation.
Diso informou este luns durante a súa comparecencia no debate de totalidade do proxecto de orzamentos da Xunta para 2022, no que destacou que se trata dunhas contas "cribles" para adaptarse á realidade pospandemia e que Galicia estea entre os territorios que "sairán reforzados".
Ademais, o conselleiro tamén augurou un crecemento das exportacións ata un 10%. "En canto ao mercado de traballo, estamos en disposición de encarar dous exercicios de forte crecemento", indicou para subliñar que esta tendencia permitirá rebaixar a taxa media de paro en 2022 ata o 11,7%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.