Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/11/2021 | Actualizada ás 22:00
"Vemos como un día si e un día tamén o señor Feijóo vén ao Parlamento a facerlle oposición ao BNG con ruído, rifa e crispación, sen achegar solucións aos problemas do país". Ana Pontón era contundente este luns ante o que considera unha campaña perfectamente organizada do PPdeG para tentar desestabilizar a esta formación e, especialmente, para minar a súa imaxe de política "moderada" e de "bo talante".
Sen falar directamente diso, Pontón facía alusión á unha iniciativa que o PPdeG levará ao Parlamento para obrigar ao resto de formacións a pronunciarse se están a favor ou en contra da independencia. "Queren ou non a independencia para Galicia? Están a traballar o BNG por chegar a unha República Independente Galega como asegura Néstor Rego?", suliñaba o número dous do PPdeG a pasada semana en alusión a postura "ambigua" que o Bloque ten en relación a esta cuestión.
De feito, os populares fixeron circular un vídeo a través das redes sociais e sistemas de mensaxería que vincula directamente ao Bloque con Bildu e Batasuna. Así, baixo o título de "BNG, a esquerda abertxale de Galicia", o vídeo recolle parte da rolda de prensa de Miguel Tellada na que insiste nesa vinculación do Bloque coas organizacións independentistas vascas. Curiosamente, ese vídeo non está nas contas oficiais do PPdeG.
"REPÚBLICA INDEPENDENTE"
Os populares tentan utilizar a suposta "contradición" no discurso oficial do BNG que na súa asemblea nacional dicía non ser independentistas. Así, para o PPdeG, a afirmación na que renunciaban ao independentismo choca directamente" coa mensaxe que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, "trasladaba esta semana ao asegurar no Congreso que pronto chegaría unha República Independente Galega".
"O manifesto de Rego é un delirio. A única República Independente que verá será a do felpudo de Ikea do seu domicilio", dixo, antes de subliñar que esta "non é unha saída de ton do deputado nacionalista, senón que as súas palabras definen a liña oficial do "Bloque Independentista Galego". Por iso, cuestionou "as piruetas propagandísticas" coas que os nacionalistas "tratan de enganar aos galegos".
Durante a súa intervención en rolda de prensa, o secretario xeral dos populares galegos fixo fincapé en que se está "ante o BNG máis radical da súa historia", definíndoo como "a esquerda abertzale galega", que "comparte listas e proxecto político con Bildu e con Esquerra".
Neste sentido, esgrimiu que Pontón ,na recente Asemblea do seu partido "tentou vender á prensa que o BNG acababa de cambiar, que xa non era independentista e que era o Bloque do si". Para o PP, implicitamente isto supón recoñecer que "ata agora eran os do non, os do bloqueo institucional e os da negativa a apoiar calquera proposta".
A IMAXE NOS MEDIOS
O ataque o PPdeG vai directamente a liña de flotación do Bloque e, especialmente, da súa líder, empeñada desde hai tempo en trasladar unha imaxe de moderación e de xestión que calou entre os grandes medios de comunicación, tradicionalmente, moi belixerantes co nacionalismo galego. "O PP o que quere é romper o idilio que La Voz de Galicia ten ultimamente co BNG e, sobre todo, con Ana Pontón", aseguran fontes nacionalistas consultadas por GC.
"Saben que Ana ten moi boa relación cos xornalistas que se encargan da área de política e que lle cae ben ao vello --o propietario de La Voz-- e por iso están rabiosos e tentan minar esa boa relación como sexa", aseguran. O certo é que, a maior parte destes medios tradicionais, tentan presentar as diferencias ideolóxicas dentro do BNG facendo alusión a un sector "bo", que representaría Ana Pontón, e un sector "malo" no que sitúan a Néstor Rego e Bieito Lobeira.
Por iso, este luns, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, facía alusión a esta campaña do PPdeG e afeaba ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que faga "oposición" aos nacionalistas "con ruído, rifa e crispación". "Ten unha obsesión co BNG que non ten parangón co que pasou noutros momentos neste país", indicaba.
Con todo, queda por ver a postura que o Bloque manterá na iniciativa sobre a independencia presentada polos populares e se caerá na trampa, hábilmente deseñada, para negar e renegar públicamente do independentismo en Galicia, pero tamén, doutras vías independentistas no Estado, o que chocaría directamente con enmendas aprobadas na asemblea nacionalista nas que se apoia claramente as vías que abran outras nacións do estado neste sentido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.