Oito novos mortos con covid-19, un deles un home de 45 anos

Son óbitos correspondentes a días pasados, pero supón a cifra máis alta da que informa Sanidade en case catro meses.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 07/12/2021 | Actualizada ás 22:12

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade notificou outras oito vítimas relacionadas coa pandemia da covid-19 que faleceron entre o venres, 3 de decembro, e este martes, día 7. Todas elas presentaban patoloxías previas.

Trátase da xornada con máis mortos notificados pola Xunta desde o 10 de agosto, fai case catro meses. No entanto, hai que ter en conta que tanto este martes como aquel día confirmáronse vítimas de días pasados.

O venres 3 de decembro faleceron dous homes diagnosticados de covid-19: un de 89 anos no Hospital de Monforte de Lemos (Lugo) e outro de 83 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).

O sábado 4 morreu no Chuvi outro home, de 45 anos; mentres que o domingo 5 perdeu a vida outro, de 84, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

En canto ao luns 6, faleceron dous homes de 76 e 79 anos no Chuvi e no CHUF, respectivamente; ademais dunha muller, de 74, no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).

A oitava morte notificada por Sanidade produciuse este mesmo martes, 7 de decembro, e correspóndese cun home de 76 anos que estaba ingresado no CHUF ferrolán.

Con todos estes falecementos, a listaxe de vítimas que deixa a pandemia da covid-19 en Galicia é de 2.690.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa de Vigo
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa de Vigo | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta