Non queremos ser unha satrapía

Algúns opinan que o acordo entre PSOE e PP nos orzamentos de 2014 será bo se impulsa proxectos clave. Eu non concordo coa devandita afirmación porque é falsa e ademais entendo que a xestión dunha cidade non pode basearse só na colocación de lousas, lastras e baldosas por todos os recantos e o simple embelecemento de rúas, cando os nosos veciños quedan sen traballo, son desafiuzados das súas casas ou pasan fame e frío. Mentres a facenda municipal é dilapidada en baldosas, propaganda e contratacións de amigos e familiares de dirixentes do PSOE, realizadas a dedo, o Alcalde de Vigo enche a cidade con letreiros que din que «vivimos nunha cidade fermosa». Non, Vigo non é o «paraíso urbano» que algúns queren vendernos.

Por Óscar Lomba | Vigo | 05/04/2014

Comparte esta noticia
Se pescudasen  un pouco e falasen coa xente descubrirían a situación real da cidade. Verían que Vigo está perdendo dinamismo empresarial e comercial. Advertirían que o desemprego disparouse nos últimos anos e que o número de pobres segue incrementándose. Repararían na desastrosa xestión do Auditorio Mar de Vigo. Decataríanse das escasas iniciativas culturais impulsadas desde o Concello, na calamitosa situación dalgúns edificios do casco histórico, no raquítico apoio municipal aos mozos emprendedores, aos proxectos de cooperativismo, ao auto-emprego e a economía social. En Vigo fan falta máis políticas de benestar social e menos discursos grandilocuentes.
 
Algúns comentaristas e articulistas de opinión afirman que o pacto orzamentario entre PSOE e PP será bo se os partidos e os seus líderes antepoñen o interese cidadán ás súas liortas persoais. A que tipo de acordos se refiren? Falan dun pacto entre confrades unidos por un simple «interese corporativo»?. Queren seica unha especie de «Bela Società Riformata»? O que non parece moi normal é que en Vigo non se actúe contra o flagrante nepotismo que aniña na nosa institución municipal. Por que se manteñen tan calados os dous partidos da oposición PP e BNG? Parécelles normal que se repartan empregos entre familiares ou amigos, sen importar o mérito para ocupar eses cargos, senón a súa lealdade ao político de quenda? Non, ante este tipo de cousas non se pode un andar con medias tintas nin con panos mornos … En todo caso, e despois de negociar e consensuar os orzamentos, e para ser realmente coherentes, PSOE e PP deberían facer unha coalición de goberno como fixeron o SPD e a CDU  en Alemaña, pois en caso contrario estarían enganando aos vigueses.
 
Moitos deberían tirar a careta porque basean o seu discurso en puros enredos dialécticos, en bagatelas pomposas e verbas baleiras de contido. Estamos fartos de que algúns pretendan facer doce aquilo que é amargo, que intenten erixir castelos de area, que queiran acougar con somníferos propagandísticos os crispados ánimos dunha cidadanía abatida por tanto despropósito. Vigo non é a cidade que pretende mostrar, e os vigueses estanse a decatar de que hai severos indicios de desgoberno, malgasto e corrupción. A maioría dos nosos veciños saben que Vigo é unha cidade fiel, leal e valente, pero non tan luminosa como algúns quere facernos crer, pois uns poucos empéñanse en proxectar unha sombra desvergoñada de enchufismo, arbitrariedade e manexos ocultos.
 
Vigo está farta de inacción e parálise, necesita unha verdadeira rexeneración democrática e non pactos escuros, mal nados e interesados. Non necesitamos trocos ou cambelaches nin tenebrosos arranxos de trastenda. Se non queremos ser unha satrapía debemos reclamar mais transparencia e democracia.
 
Moitos temos claro que Vigo só volverá á Liga das cidades de Primeira División cando o cambio chegue nas municipais de 2015.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.