A Xunta valorará impoñer novas restricións se a suba de casos continúa

Así o vén de apuntar o conselleiro de Sanidade, que insta aos casos sospeitosos a usar a atención telefónica e non acudir aos centros de saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, instou a aquelas persoas que teñan sospeitas de ter covid ou presenten síntomas que non acudan aos centros de saúde e que usen a vía telefónica para ser atendidos. Mentres, instou á poboación en xeral a actuar "con sentidiño" para evitar a propagación do virus.

Fíxoo coincidindo cunha visita no centro de saúde dos Mallos, na que, ademais de agradecer o traballo dos profesionais de Atención Primaria no contexto de pandemia, fixo chamamentos á poboación para que actúen con "prudencia". En concreto, dixo que se detectou un incremento de persoas que acoden aos centros de saúde con sospeitas de covid ou con síntomas e instou a non facelo e utilizar a vía telefónica para evitar posibles contaxios. "Ningunha persoa vai quedar sen ser atendida", recalcou.

APLICAR O "SENTIDO COMÚN"

Por outra banda, ante a proximidade das festas do Nadal, apelou a facer "un esforzo máis" e non "baixar a garda" nestas festas do Nadal". "Coidándose con sentidiño", insistiu o conselleiro, quen pediu usar o "sentido común". Así, sobre o actual número de contaxios e preguntado se se está no pico da sexta onda, admitiu que non está "do todo claro". "Hai indicios, pero saímos dunha semana moi complexa", sinalou en referencia á ponte de decembro.

Por iso, considerou necesario "ser prudentes e esperar un pouco máis" para ver se se confirma a tendencia dun posible "freo" no número de contaxios. Aínda así, insistiu en que non é "descartable" un posible efecto da ponte de decembro.

POSIBLES RESTRICIÓNS

En canto á posibilidade de incrementar restricións, reiterou que "nunca se descartou" e recalcou que se está "esperando" a ver se os efectos da ponte de decembro se manteñen. "E se empeoran os datos, valoralo", engadiu sobre a posibilidade de adoptar novas medidas. Mentres, preguntado pola vacinación dos grupos de entre 40 e 59 anos e a decisión a este respecto que debe adoptar a Comisión de Saúde Pública, indicou que esperan que "se pronuncie" e reiterou que a Xunta porá os seus recursos para "o grupo que se estime", en relación a un proceso de vacinación que en Galicia xa se está levando a cabo coa vacinación coa terceira dose a persoas menores de 60 anos.

Ambiente nas rúas e establecementos de Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Ambiente nas rúas e establecementos de Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta