Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 27/12/2021
A medida que pasan e pesan os anos as lembranzas, para os máis maiores, nestas datas volven con moita forza. As imaxes do pasado aparecen na retina e son compañeiras nas conversas familiares. E aínda que levamos case dous anos coa pandemia do Covid, este traspé axuda a revivir tempos pasados onde non había restricións para esas xuntanzas. Mais, desta vez as cousas son doutro xeito. Con todo, estamos no Nadal, festa de orixe relixiosa e polo tanto chea de humanismo, aínda que hoxe está ateigada dun consumismo desaforado que todo o invade. Pero por moito que critiquemos o mundo actual e tamén ó consumismo desaforado, a orbe non pode camiñar si se para a roda da economía. E iso condiciona case todo.
Mais como estamos a piques de rematar o ano, tamén chega o momento do balance e tamén de lembrar acontecementos que quedan atrás. Xa sei que o primeiro deles sempre será a maldita pandemia que nos afoga; logo, apagado o volcán da illa da Palma e moitas novas máis que nos lembran os medios de comunicación. Tamén, en Ourense, onde todo camiña cara abaixo, lembraremos o ano da chegada do AVE á vella estación do Empalme. Estación, onde a única novidade é que fixeron un aparcadoiro de autocares. E deste xeito afrontamos un Nadal gris é tristeiro que lle dará paso ó ano 22. Digo tristeiro pois será un Nadal escaso de concertos, de panxoliñas e, sobor de todo, de ilusións. Dado que nesta Auria as ilusións está moi mortas. Por iso, as lembranzas do Nadal da infancia e da mocidade. Onde, con moitas limitacións económicas, a felicidade rebordaba, e non había luces nas rúas pero a xente estaba leda. Ben sei que escudarse en que todo tempo pasado foi mellor, non ten sentido. Cada época ten distintos problemas e non queda outra que vivir afrontando as diversas situacións. Máis os anos, cando chega o solsticio de inverno, pesan moito e con eles veñen as lembranzas. E neste ano que está a piques de pechar foron tantos os acontecementos que temos que precisamos facer unha reflexión que trae varias preguntas. A primeira é saber se seremos capaces de superar a crise de falla de ética que teñen moitos cidadáns que nos gobernan e que contaminan ó resto da sociedade. No noso Estado temos moitos exemplos que van dende o Rei Emérito ate o alcalde que soportamos nesta cidade do interior galaico. Non hai ética e moi escasa moral. A segunda pode ser a referida a: poderemos seguir mantendo o sistema de consumo desaforado sin esnaquizar o medio natural e o planeta no que vivimos?
A terceira deixa no aire: cando superaremos esta pandemia? E a seguinte: Que será do mundo se os seus gobernantes e os poderosos medios económicos non axudan a corrixir esta deriva que nos leva ó desastre na humanidade?
En fin, serían tantas as preguntas que nos facemos que precisamos respostas pra ser máis optimistas sobor do mundo que lle deixaremos ás xeracións vindeiras. Con todo, aínda que o Nadal para o máis maiores é un tempo de saudade, nunca podemos perder a esperanza e, en certa medida, vivir estas datas como se fóramos rapaces que xogan moi ledos na rúa. Logo, deixemos o fatalismo que non aporta nada positivo e, por uns días, tentemos ser felices. Por iso neste Nadal pedimos, paz, moito amor e liberdade. Bo Nadal e Feliz ano MMXXII