Novas denuncias contra a xestión da Xunta en residencias: "non están contando todos os mortos"

Trega e Vellez Digna censuran o "escurantismo" da administración e aseguran que a consellería deu ordes de non facer PCRs aos traballadores antes de volver a exercer. Sandiade, pola súa banda, defende que o reconto dos mortos foi "escrupuloso" e nega que houbera indicacións para non facer probas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2022 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Fortes denuncias da movemento asociativo do eido das residencias contra a xestión da Xunta. A Asociación de Traballador@s de Residencias de Galicia (Trega) e Asociación de familiares Vellez Digna veñen de apuntar á administración autonómica por un "escurantismo" que, segundo apuntan, implica que a Xunta "non está a informar dos casos activos en cada centro, e moito menos dos falecementos".

Profesional sanitario ante unha residencia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Profesional sanitario ante unha residencia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

E é que, de acordo coas mesmas plataformas, que agrupan a persoas moi próximas ao eido residencial, "actualmente estanse producindo brotes explosivos en moitos centros de Galicia, tanto en traballadores como en residentes", explican. Acontece que, nesta situación, as administracións públicas con competencias en dependencia, neste caso a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, non están a informar dos casos activos en cada centro, e moito menos dos falecemento", aseguran. "Desde o inicio da vacinación masiva á poboación xeral deixaron de facilitar datos específicos do sector".

Na mesma mañá en que Trega e Vellez Digna fixeron público o nomeado comunicado, a Xunta de Galicia informou dun gran gromo con arredor de 80 contaxiados na residencia Residencia Bembrive de Vigo, que conta con 150 residentes. As autoridades sanitarias referiron tamén o contaxios de 15 pacientes noutro centro de Santiao, puntualizando en ambos casos que se trata de pacientes con sintomatoloxía "moi leve" ou sen síntomas.

En calquera caso, ambas plataformas plataformas fan fincapé así nunha denuncia xa recollida polo Galicia Confidencial tempo atrás e que, unha vez máis, se orientaba a esa "ocultación" de datos da que as asociacións fan responsable á Xunta. Pero o problema iría máis alá. E é que, de acordo coas mesmas fontes, a Consellería de Sanidade tería dado orde de "non realizar PCR ao persoal que se incorpora ao traballo despois das vacacións", circunstancia que estaría a facilitar a transmisión da enfermidade entre os usuarios, sobre todo no caso de que sexan asintomáticos.

A INSPECCIÓN "NON ACTÚA"

Seguindo a versión das mesmas fontes, as residencias galegas estarían a atravesar unha situación difícil tamén polas reiteradas baixas de persoal, como xa aconteceu semanas atrás no eido da escola pública.  "As traballadoras están esgotadas, as baixas non se cobren, en cada quenda faltan cada vez máis profesionais e os que hai non chegan para atender aos maiores cun mínimo de calidade e moitas residencias non informan adecuadamente o persoal sobre quen é 'contacto estreito'", destacan.

Dende as asociacións censuran que, "despois da gran hecatombe sufrida polos usuarios de residencias" nas primairas vagas da pandemia, a xestión da administración pública siga guiada pola "inoperancia" de "ollar cara a outro lado". Neste aspecto, critican que a pesar de que "seguen os contaxios" as inspeccións seguen tamén "sen actuar, sen atopar nada raro en todo isto, trocando a conselleira de Servizos Sociais en cómplice necesaria desta situación".

"Para evitar que a infección se continue propagándose e levando a vida dos máis vulnerables é fundamental a prevención", inciden. "Queremos que se realicen test semanais en todas as residencias -independentemente da titularidade- tanto a persoal como a usuarios, non importa se é  PCR, test de antíxenos ou cribado de saliva. Debe realizarse tamén unha proba aos traballadores que regresan de vacacións ou dunha baixa médica, e aos de nova incorporación, tamén aos usuarios ao regresar de vacacións. E test diarios nos centros con positivos ata que non quede nin un só. A prevención é fundamental para salvar vidas", rematan.

SANIDADE DEFENDE A SÚA XESTIÓN

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade defende a xestión desenvolta en centros residenciais de Galicia, vencellando a recente explosión de casos á entrada en xogo do modelo de "autodiagnóstico" en domicilio. En relación co reconte de falecidos, Sanidade asegura que a Xunta "declara desde o principio da pandemia de forma escrupulosa todos os casos cuxa causa de falecemento é a infección por coronavirus".

 

Por último, engaden," non hai ningunha orde do SERGAS de non realizar probas aos traballadores, nin na súa reincorporación das vacacións nin en ningún momento". Neste aspecto, o Sergas fai fincapé nos 32 puntos de realización de probas habilitados até o momento no territorio galego. "Esta estratexia estaría totalmente enfrontada a unha negativa por parte do SERGAS de non realizar PCR aos seus propios traballadores", explican.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta