Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/01/2022 | Actualizada ás 14:09
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil decidiu sancionar económicamente á empresa Coren por ser a responsable dunha vertedura de xurro que tivo lugar o pasado ano na parroquia de Celeirón, en Parada do Sil. Unha denuncia que, curiosamente, a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense dediciu rexeitar.
Segundo a denuncia presentada por un veciño, e á que tivo acceso Galicia Confidencial, o pasado outubro presentouse unha denuncia ante este organismo do Ministerio da Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que, unha vez analizado o procedemento, decidiu o pasado 18 de xaneiro impoñer a Coren unha sanción pecuniaria.
“Sen prexuízo do anterior, e de conformidade co disposto no artigo 118 da Lei de Augas, ao terse causado danos ao dominio público hidráulico e non ser posible a reposición das cousas ao estado primitivo, resolveuse impoñer a obriga de indeminzar os danos ocasionados ao domino público hidráulico”, recolle o procedemento sancionador.
ARQUIVO POR PARTE DA FISCALÍA DE MEDIO AMBIENTE
Un proceso que, pola contra, foi arquivado pola Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense que, tras abrir dilixencias o pasado 6 de novembro, entendeu que non se estaba comentendo ningún delito ecolóxico.
A denuncia realizada tanto a Fiscalía como ante a Confederación do Miño-Sil recollía que había verteduras frecuentes de xurro dunha granxa propiedade de Coren que depositaba estes residuos nunha balsa que rebordaba frecuentemente. Os restos ían parar ao Regato de O Batán, en Celeirón.
Fontes da empresa consultadas apuntan que, tras a denuncia, Coren decidiu construír unha nova balsa de 50 metros de diámetro por 3 de profundidade e evitar novos episodios de contaminación. “Está claro que alguén os avisou”, asegura o veciño denunciante en declaración a Galicia Confidencial. “Polo menos agora o xurro non acaba no rego”, asegura. Con todo, alerta que outros veciños lle comentaron que algúns dos camións que veñen a recoller os residuos desta balsa “acaban ciscándoos nos montes próximos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.