Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 28/01/2022 | Actualizada ás 16:51
A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a quinta edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.
O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, coincidindo coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio.gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.
As entidades organizadoras esperan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación das edicións anteriores do certame, ao que se presentaron ata o momento máis de 3.000 historias escritas por persoas de todas as idades.
Nesta edición volveranse a repartir nove premios, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público.
Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade. A participación canalizarase a través dun novo sitio, www.relatos.gal, que facilitará a entrega dos textos e a cobertura dos formularios requiridos. O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.