Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 11/02/2022
En primeiro lugar temos que lembrar que o Partido Popular, dunha maneira clara e rotunda, afirmou que, cando tocara poder, volvería a reformar esa lei e retrotraela a como estaba antes desta reforma que saiu adiante polo erro dun deputado dese partido. Ou sexa, saíu polos pelos e veremos se o asunto queda como está. Os populares e a extrema dereita e os demais votaron conxuntamente.
Pois ben, diante o panorama dun acordo entre a patronal, os sindicatos e o goberno, a chamada esquerda e o PNV optaron por ir contra os avances que aporta a devandita reforma. E fixérono porque non cubría as súas espectativas; descartando absterse que é o que parecía máis normal.
Segundo os grupos alcumados progresistas e de esquerdas incluíndo o BNG, a reforma quedábase moi corta e era un pufo pois non chegaba a cumprir os obxectivos e reivindicacións que istes esperaban. Mais na súa crítica evitaban falar dos aspectos positivos que tiña. Ou sexa: que admitían e sabían que daba pasos positivos que melloran a vida laboral de milleiros de traballadores; mais ainda así votaron en contra.
Pois ben, se isto é así, e si o goberno descartou aprobala como proxecto de lei, no que caberían retoques e polo tanto modificacións ás que non estaba disposta a chegar a patronal, por qué a postura tan negativa? Que beneficios lle aporta ós grupos políticos que saben que, de non contar cos socialistas, non van a cheirar poder nin a chegar a gobernar en ningunha institución importante. Non sería máis oportuno optar por un pracmatismo político e votar abstención?. As veces costa moito entender a vida política neste noso Estado. E dígoo pois, cando existe a posibilidade dun acordo que teña duracion, impoñénse as posturas que non levan a ningures, ou si, impoñense as que levan ó enfrontamento.
Vivimos nun tempo no que moitas forzas políticas non escoitan nin recollen o sentir da xente e da rúa. Grupos que viven nunha endogamia na que soamente se escoitan a si mesmos. E así lles vai. Claro que, o mellor, están moi comodos sendo sempre oposición. Pois o feito de asumir a realidade de gobernar trae moitos compromisos e contradiccións. Vivir ancorado no non, e conformarse con ser un berro discordante vale de moi pouco. Na sociedade que vivimos ise posicionamento soamente amosa debilidade e medo a tomar posturas que teñen riscos. En fin, veremos se o voto en contra da reforma laboral non lles pasa factura como aconteceu no veciño Portugal onde, a esquerda utópica, provocou convocar eleccións. Erro histórico por parte da esquerda e os nacionalistas incluíndo ó BNG. Votando coa dereita e coa extrema dereita contra unha reforma que beneficia a milleiros de traballadores. E iso vanllo restregar na cara moitas veces. De pena.