A Xunta marxina ás Illas Cíes do reparto de 27 millóns do Plan Nacional Xacobeo

Desenvolveranse accións para mellorar a accesibilidade turística de bens como a Fortaleza de Monterrei, a Torre de Hércules e as illas Ons e Sálvora, pero non as Cíes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2022 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Un total de doce Bens de Interese Cultural (BIC) situados en Galicia repártense 27 millóns de euros procedentes de fondos Next Generation a través do Plan Nacional Xacobeo para desenvolver accións de mellora desde o punto de vista turístico.

Diso deu conta o vicepresidente segundo do Goberno galego, Alfonso Rueda, tras a reunión do Consello da Xunta, reunido este xoves co 'dous' do Executivo autonómico á cabeza pola ausencia do titular, Alberto Núñez Feijóo, que tiña previsto participar na Conferencia de Presidentes da Palma finalmente anulada polo conflito de Ucraína.

Rueda informou que Galicia recibe case o 40% dos 65 millóns de euros convocados para o todo o Estado para a realización de accións de perspectiva turística en Bens de Interese Cultural (BIC) situados en zonas do Camiño de Santiago. Así as cousas, Galicia leva 27 destes 65 millóns, que serán destinados a actuacións que deberán levar a cabo entre este ano e os dous próximos exercicios.

Illas Cíes. RICARDO PAREDES
Illas Cíes. RICARDO PAREDES | Fonte: SEOBIRDLIFE - Arquivo

Pero, deses 27 millóns as Illas Cíes non recibirán nin un céntimo, como si recibirán as outras dúas grandes illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Ons e Sálvora. A primeira percibirá 1,6 millóns e a segunda preto dun millón.

Entre os bens que recibirán cartos está a fortaleza de Monterrei,que concentra máis do 60% do total da contía dos doce proxectos seleccionados, 17 millóns. Tamén serán subvencionados outros BICs como o do parque do Pasatempo de Betanzos, a Ribeira Sacra ou a ribeira do río Lérez. Tamén foron seleccionados a Torre de Hércules, a casa Museo Valle Inclán de Vilanova de Arousa, o Cárcere Vello de Tui, as Torres do Oeste de Catoira, Mondoñedo e o castelo de Santa Cruz da Guarda.

CASO DAS CÍES

Preguntado por Galicia Confidencial sobre a exclusión das Cíes nestas axudas, Rueda xustificouno pola "premura" coa que tiveron que presentarse as propostas. Así, lembrou que, nun primeiro momento o Goberno central permitiu incluír a calquera BIC, pero logo indicou que non serían subvencionables BICs relacionados coa Igrexa. "Polo tanto houbo premura en madurar estes proxectos", dixo.

Neste sentido, tamén aludiu a posibles críticas do alcalde de Vigo, Abel Caballero, por esta exclusión. "Calquera reacción ou proposta da Xunta vai ter sempre o criterio en contra do alcalde de Vigo", respondeu, " a pesar de que a Xunta é a administración que máis inviste en Vigo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

É lástima esquecer ao Mosteiro de Oia neste listado, especialmente cando o camiño portugués pola costa é unha marabilla para poñer en valor... Claro que de pouco serviría gastar no Mosteiro de Oia cando o alcalde de Vigo négase incluso a que o Xacobeo realice concertos en Vigo ! Se Abel Caballero non ten o micro aberto en tódolos saraos non se fai nada en Vigo ! https://flic.kr/p/2mvH3cb