Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 12:47
A Consellería de Sanidade reduciu os territorios que os viaxeiros deben declarar de maneira obrigatoria ao Servizo Galego de Saúde á súa chegada a Galicia no marco da pandemia pola Covid-19, entre os que se inclúen os europeos de Reino Unido e Ucraína. Así se recolle na listaxe de destinos actualizado este martes, 8 de marzo, a través dunha orde da Consellería de Sanidade que recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG).
No caso de Europa, saen dez da listaxe, por iso deben comunicar a súa chegada os pasaxeiros de todos os países e territorios excepto de Andorra, Austria, Bielorrusia, Bélxica, Bulgaria, Croacia, Chipre, República Checa, Dinamarca, Estonia, Illas Feroe, Finlandia, Francia, Xeorxia, Alemaña, Grecia, Islandia, Irlanda, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Mónaco, Países Baixos, Noruega, Portugal, Romanía e Rusia. Deste xeito, entre outros, teñen que informar os procedentes de zonas como Reino Unido e Ucraína.
De América, a Xunta determina obrigatorio que comuniquen a súa entrada en territorio galego as persoas procedentes de Ecuador, Guatemala, Honduras, El Salvador, Paraguay, Venezuela, Haití, Nicaragua, Xamaica, Barbados, Belice, Bermudas, Illas Caimán, Chile, Dominica, Groenlandia, Panamá, Bonaire, San Eustaquio e Saba, Estados Unidos e Uruguay.
De Asia teñen que comunicar a súa chegada os procedentes de Bangladesh, India, Irán, Iraq, Líbano, Palestina, Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Cambodia, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Iemen, Israel, Bahrein, Xordania, Kuwait e Maldivas. A eles súmanse todos os procedentes de países do continente africano, mentres que de Oceanía deben facelo os de Australia, Nova Caledonia, Mariana do Norte, Palau e Guam.
Os viaxeiros que estivesen nalgún dos lugares da listaxe nos 14 días anteriores deben comunicar, nun prazo máximo de 24 horas, os seus datos de contacto e estancia en Galicia a través da web ou do teléfono 881 00 20 21. A Xunta lembra que esta resolución, que entrará en vigor este mércores, 9 de marzo, será obxecto de actualización nun prazo máximo de 15 días naturais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.