Hablamos Español alíase con Vox para denunciar o "adoctrinamento nacionalista" da Xunta

A formación ultra vén de levar ao Congreso unha denuncia da asociación de Gloria Lago contra o programa educativo '21 días en galego'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

Nova denuncia de parte da asociación de Gloria Lago, Hablamos Español, contra o "adoctrinamento nacionalista" perpetrado pola Xunta de Galicia de Núñez Feijóo. Hablamos Español demandou recentemente aos partidos do arco parlamentario madrileño que cuestionaran a campaña 21 días co galego, unha iniciativa da administración autonómica que pretende normalizar o emprego da lingua do país ofrecendo pequenas recompensas ao alumnado que se manteña falando en galego durante o período apuntando; e non só no colexio, tamén na casa.

O presidente de Vox, Santiago Abascal,na tribuna do Congreso. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
O presidente de Vox, Santiago Abascal,na tribuna do Congreso. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

Ao final, foi o grupo parlamentario de Vox o que levou a pregunta á Mesa do Congreso dos Deputados. A ollos da formación de Abascal, o obxectivo da iniciativa é "que os mozos que teñen como lingua materna o español, adquiran o hábito de utilizar o galego en calquera situación da súa vida cotiá, conseguindo así o que se denomina como 'neofaltantes', persoas que renuncian á lingua da súa familia polo galego", inciden. Dende o partido ultra consideran que a medida é unha vulneración dos dereitos constitucionais do alumnado galego que conta co castelán como lingua materna, razón pola que demandou ao Goberno que abrira unha investigación ao respecto.

CIUDADANOS

A polémica suscitada pola iniciativa da Xunta tamén foi aproveitada por Ciudadanos, segundo apuntan dende Hablamos Español. A formación de Arrimadas aproveitou unha moción do PP para propoñer que o Congreso rexeitara "toda campaña impulsada desde administracións autonómicas dirixida a excluír o español como lingua de uso por parte dos alumnos", apuntando directamente á medida do goberno galego. 

Asemade, a formación laranxa instou ao Goberno a "tomar as medidas necesarias para garantir que ningún goberno autonómico impulsa programas ou actividades dirixidas á exclusión do uso do español por parte dos alumnos baixo o pretexto de "normalización lingüística" ou "dinamización lingüística", nin tampouco se dirixa aos alumnos sen autorización dos seus pais para inquirirlles á mantenta da lingua que usan dentro ou fóra da escola".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo 1948

Pois fica claro para esta gente que o idioma galego não é espanhol, para estes independentistas (independentistas de todo e de todos que desprezam tudo o que não sejam eles, e dá o mesmo se é galego, ou basco, ou inglês, ou japonês) os que falam galego não são espanhóis e querem que fiquem como os índios nas reservas americanas.