Por E.P. | SANTIAGO | 17/03/2022 | Actualizada ás 12:38
O thriller producido pola produtora galega Vaca Films 'Código emperador' será este venres o encargado de inaugurar a 25ª edición do Festival de Málaga, que se celebrará na devandita cidade andaluza entre o 18 e o 27 de marzo.
Baixo a dirección de Jorge Coira e con Luis Tosar como protagonista, a película, participada pola Televisión de Galicia, reflicte a cara "máis oculta" do poder en España. Ambientaba nas altas esferas do poder e da espionaxe, está escrita polo guionista Jorge Guerricaechevarría (Cela 211).
Segundo explica a TVG nun comunicado, esta nova película de suspense bebe da realidade para mergullar aos espectadores nos recunchos do sistema no que as aparencias enganosas e as mentiras están á orde do día, mentres que a chantaxe é a mellor moeda de cambio.
Ademais de Luís Tosar, o elenco está formado por outros actores galegos como Denís Gómez e Santi Prego, así como por outras caras coñecidas como Alexandra Msangkay, Miguel Rellán, Laura Domínguez, María Botto ou Arón Piper e Georgina Amorós, estes dous últimos coñecidos polos seus papeis en Elite.
Rodada en localizacións da Coruña, Bilbao, Madrid, Budapest e Cidade de Panamá, a súa chegada ás salas de cinema tamén será este venres, distribuída por Ao contraxeito Films e, internacionalmente, vía Netflix.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.