Científicos alertan da presenza dun verme exótico invasor que ameaza a produción de vieiras en Galicia

Os investigadores confirman o primeiro rexistro en Galicia de infestación de vieiras por 'Polydora hoplura', na ría de Vigo, e temen que se estea espallando por outros puntos. Este verme afecta a moluscos bivalvos, nos que se instala perforando as súas cunchas, comprometendo o seu desenvolvemento e existencia.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 26/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Unha especie exótica invasora ameaza a produción de vieiras galegas. Trátase da Polydora hoplura, un verme perforador de cunchas dos moluscos para asentarse e vivir neles, e que foi identificado por primeira vez en poboacións de vieiras galegas, en concreto, na ría de Vigo. O achado foi realizado por investigadores do Grupo de Estudos do Medio Mariño (GEMM), con sede en Ribeira, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO - CSIC) e do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade viguesa.

Vieira recollida na ría de Vigo infestada polo verme perforador Polydora hoplura
Vieira recollida na ría de Vigo infestada polo verme perforador Polydora hoplura | Fonte: Bruno Almón, Jacinto Pérez-Dieste, Alejandro de Carlos, Rafael Bañón, Identification of the shell-boring parasite Polydora hoplura (Annelida: Spionidae) on wild stocks of Pecten maximus in Galician waters, NW Spain, Journal of Invertebrate Pathology, Volume 190, 2022, 107750.

Este achado acende as alarmas, xa que a Polydora hoplura é un verme mariño que foi recoñecido mundialmente como especie exótica invasora causante de danos en cultivos de moluscos, xa que provoca un desequilibrio no desenvolvemento e saúde destes.

A perforación da cuncha fai que a vieira teña que gastar moita enerxía na rexeneración desta, deixando de lado funcións vitais como a súa alimentación e reprodución

En xeral, estes anélidos vólvense prexudiciais para os cultivos porque conseguen penetrar no interior do molusco bivalvo perforando a cuncha, de aí que se coñezan como vermes perforadores. Isto empurra aos bivalvos a un aumento do gasto enerxético para a produción de material calcario que cubrirá a perforación realizada polo invasor; esa enerxía gastada desvíase de funcións vitais, como a alimentación e a reprodución do molusco bivalvo, o que acaba afectando o rendemento produtivo nun sistema de cultivo de moluscos. Nunha infestación xeneralizada, a proliferación de Polydora hoplura pode provocar que a mesma ostra sexa perforada por decenas de individuos. Isto levará ao molusco a gastar toda a súa enerxía intentando protexerse dos vermes invasores. O resultado é a morte do animal.

Por iso, o descubrimento deste verme en vieiras da ría de Vigo acendeu as alarmas científicas, xa que podería ameazar a produción deste molusco, que supón un importante recurso económico para Galicia.

Este primeiro achado de Polydora hoplura en vieiras augas de Galicia preocupa aos científicos, xa que o verme podería estar presente xa en poboacións de vieiras noutras rías, polo que consideran “fundamental” ampliar a investigación a outras zonas de produción “para coñecer o estado actual da propagación da praga”, expoñen os autores do estudo.

INFESTACIÓN ALTA

Segundo a mostraxe de vieiras analizadas neste estudo, “a prevalencia de infestación é alta na zona”, segundo os científicos, que avisan de que a presenza deste invasor “podería supoñer unha ameaza para a explotación da vieira en Galicia”, polo que “os posibles impactos económicos deben ser avaliados”.

Os vermes foron identificados en 35 exemplares de vieiras recollidos en dous puntos da ría de Vigo na primavera de 2021

A presenza en vieiras deste verme perforador de cunchas detectouse na ría de Vigo na primavera de 2021, o que “provocou a paralización da comercialización do molusco ata unha nova comprobación de que era apto para o seu consumo”, recordan os investigadores, que tomaron para analizar dúas mostras independentes de 15 e 20 exemplares de vieira de dous lugares da ría, o 27 de abril e o 5 de maio de 2021, para establecer a identidade dos organismos infestadores. As análises tanto morfolóxicas como xenéticas non deixaron lugar a dúbidas: todos os exemplares dos vermes atopados nas vieiras foron identificados como Polydora hoplura. Unha vez confirmado, os exemplares foron depositados no Museo Luis Iglesias de Ciencias Naturais de Santiago de Compostela.

Aínda que o grao de desenvolvemento da infestación foi variable, a prevalencia foi moi similar, co 100% dos bivalvos na primeira mostra (20 exemplares) e o 80% afectados na segunda (15). O grao de  infestación foi maior na primeira mostra, coas cunchas parcialmente rotas polo efecto destes vermes, mentres que na segunda mostra, a infestación estaba menos desenvolvida. A  infestación caracterizouse pola presenza de tobos e perforacións, e nos casos máis graves pola presenza de bochas de lodo depositadas sobre a superficie interna das cunchas.

Polydora hoplura foi descrita por primeira vez en 1868, no golfo de Nápoles, en Italia. Desde entón, e como comentan estes investigadores, estendeuse rapidamente por toda Europa a outras partes do mundo. “Aínda que é común en hábitats costeiros intermareais como organismo de vida libre, é máis coñecido polo seu papel na infestación de bivalvos, causando nalgúns casos importantes danos, especialmente en ambientes acuícolas”, describen.

“O mecanismo de infestación destes vermes comeza cunha fase inicial sobre a superficie da cuncha dos bivalvos, creando tobeiras en forma de U que despois se enchen de detritos; e, posteriormente, unha etapa máis avanzada na que a perforación continúa e a tobeira penetra ata o interior da cuncha, provocando a secreción polo hóspede dunha capa de material da cuncha sobre o tubo do verme, creando unha burbulla”, explican os responsables do estudo.

Polo tanto, unha vez asentado, o verme forma un tubo de materia orgánica a partir de detritos, exercendo presión para formar un tubo polo que comeza a escavar sobre a cuncha. A forma de U da perforación permite ao verme comunicarse co exterior mediante ambos os extremos, un para alimentarse e o outro para expulsar os detritos. Cando estas perforacións alcanzan a cara interna da cuncha e chegan ata o manto do hóspede (a vieira, neste caso), este secreta capas de conquiolina e calcita para illar o verme, formando unha pequena bocha. Nalgunhas ocasións, o verme pode alcanzar a cara interna da cuncha, reptando entre esta e o manto, favorecendo a formación dunha bocha de maior tamaño.

AMPLIAR A INVESTIGACIÓN A MÁIS ÁREAS

A presenza de Polydora hoplura en augas galegas “xa era coñecida, tanto como especie de vida libre, como nas súas formas parasitarias que infestan ostras, pero nunca se informara de que afectase outros bivalvos de importancia económica para Galicia como as ameixas, os mexillóns ou as vieiras”, subliñan os investigadores.

“Polo que sabemos, este é o primeiro caso documentado de infestación por Polydora hoplura de vieiras en Galicia"

“Polo que sabemos, este é o primeiro caso documentado de infestación por Polydora hoplura de vieiras en Galicia, o que suscita cuestións sobre a súa presenza noutras áreas de explotación, posible en menores abundancias que as farían pasar desapercibidas”, resaltan os autores do estudo, que consideran necesario agora ampliar a investigación a máis áreas para tentar detectar infestacións temperás.

Como subliñan, “a alta fecundidade e o rápido desenvolvemento dos ovos e as larvas das especies de Polydora facilita a rápida propagación destas especies, polo que unha vez establecidas en novas zonas poden resultar imposibles de erradicar”, de aí a importancia de continuar investigando para detectar posibles novos focos de infestación nas vieiras ou noutros moluscos bivalvos.

“Co fin de minimizar o impacto económico destes parasitos, é necesario realizar máis investigacións para explorar os enfoques existentes e novos para erradicar estes organismos invasores, xunto coa implementación de mellores medidas de control para evitar a chegada de novos parasitos”, conclúen.

OUTRAS INFESTACIÓNS

Polydora hoplura é un daniño perforador de cunchas transportado accidentalmente con obxectos para a acuicultura por todo o mundo. Describiuse orixinalmente no golfo de Nápoles (Italia) e posteriormente foi amplamente descrito en augas europeas, Sudáfrica, Golfo Arábigo, Nova Zelandia, Australia, Tasmania. O primeiro rexistro deste verme na América do Sur atlántica produciuse en Brasil, en 2017, onde se acenderon tamén as alarmas para a produción en catividade de ostras, vieiras e mexillóns, en perigo debido á infestación por este verme anélido da clase Polychaeta, chamado Polydora hoplura

A alerta foi publicada polos biólogos Álvaro Migotto, do Centro de Bioloxía Mariña da Universidade de São Paulo, e Vasily I. Radashevsky, experto mundial en poliquetos do Instituto AV Zhirmunsky de Bioloxía Mariña, en Vladivostok, Rusia. Estes científicos detectaron a presenza de Polydora hoplura en ostras silvestres recollidas en Ilhabela, na costa norte do estado de São Paulo. Foi a primeira vez que se confirmou a súa presenza no Atlántico Sur.

Brasil e Alemaña xa alertaron da presenza de vermes perforadores de cunchas de moluscos nos últimos anos, probablemente chegados coa importación de ostras 

A confirmación da presenza de Polydora no Brasil foi tomada como unha ameaza potencial para a acuicultura de ostra no estado de Santa Catarina, onde se concentra o 98% da produción brasileira de ostra, mexillón e vieira, xa que a súa presenza é un factor de desequilibrio no desenvolvemento e saúde destes moluscos. 

Nos países onde Polydora e outros poliquetos están infestados, os estudos científicos constataron que a produción de ostra se ve moi afectada, e hai casos concretos en Nova Zelandia e Sudáfrica onde a produción diminuíu drasticamente por este motivo. De feito, houbo casos de colapso total na actividade acuícola provocados pola infestación de vermes.

No caso de Brasil, os científicos cren que é moi probable que a Polydora hoplura chegase dentro do material reprodutor da ostra xaponesa (Crassostrea gigas), especie natural do Mar de Xapón que se cultiva en todo o planeta, tamén en Galicia.

En Europa, científicos alemáns tamén alertaron da presenza de vermes perforadores en ostras do mar de Wadden, neste caso, a Polydora websteri, que actúa de maneira semellante á Polydora hoplura –da mesma familia– e cuxa presenza se confirmou en 2020. Estes científicos coinciden en sinalar que a chegada destes vermes exóticos invasores “pode estar relacionada coas importacións de ostras" e alertaron de que “é moi probable que siga ampliando o seu alcance".

A lista de lugares nos que se confirmou a presenza de vermes perforadores de cunchas de moluscos é ampla e ten en alerta á comunidade científica internacional, que tenta identificar coa maior celeridade posible focos de infestación con consecuencias biolóxicas e económicas catastróficas. Aínda que maiormente se identificaron en cultivos de ostras, outras especies, como as vieiras, tamén están ameazadas, como confirmou o estudo realizado na ría de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta