Por Europa Press / Redacción | MADRID | 23/03/2022 | Actualizada ás 20:49
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, avanzou a intención do Goberno de articular unha serie de medidas para axudar o sector pesqueiro polo incremento de prezos do gasóleo que estarán incluídas no 'Plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína', que se aprobará o próximo 29 de marzo.
"O Goberno, na norma que se aprobará o vindeiro martes, incluirá un apoio para limitar o alcance dos incrementos de prezos en relación do gasóleo sobre as contas de explotación", asegurou Planas, que recalcou que a "intención é a de limitar ao máximo o impacto do custo do gasóleo".
En concreto, o titular do ramo, tras reunirse cos representantes de Cepesca e da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP), lembrou que o pasado luns se logrou en Bruxelas a activación do Fondo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) que habilita a posibilidade de axudas ao sector, que terán efecto retroactivo a partir do 24 de febreiro.
"Temos a intención de que no Real Decreto do próximo martes haxa xa unha mención específica a este artigo comunitario para poder activar e reducir os prazos para a percepción das axudas por parte dos beneficiarvos do sector", subliñou. Con todo, Planas non puido especificar a forma concreta na que se van articular estas axudas, xa sexa fiscal ou de apoio, xa que é algo que "está aínda por determinar" e o Goberno terá que definir.
O titular do ramo recoñeceu que "existe un risco para a rendibilidade dos buques pesqueiros" e recalcou que está "xustificado que o Goberno e a UE habiliten as medidas necesarias para retornar á rendibilidade do sector". O ministro recoñeceu, á súa vez, que coa crise actual "hai moitos buques que están amarrados por falta de rendibilidade". "Non nolo podemos permitir", recalcou.
Ademais, na reunión abordáronse temas como a exoneración temporal das cotizacións á Seguridade Social, rebaixas das tarifas e taxas portuarias dos portos, así como a vontade do Goberno de ampliar unha liña ICO-Saeca para dar financiamento e créditos ao sector, ademais dalgunha "medida social" máis que están a estudar.
Desta forma, Planas emprazou os representantes da frota española a volver reunirse a próxima semana para analizar detalladamente o contido do real decreto que se aprobe o vindeiro martes. Respecto de se a frota española manterá os paros e seguirá amarrada, Planas mostrou o seu respecto e asegurou que o "sector é libre". "Só podo transmitir o compromiso do Goberno de traballar por un sector que é clave no noso país", concluíu.
O SECTOR PESQUEIRO RESPONDE
O sector pesqueiro valorou a "boa disposición" do Goberno para facer fronte á "situación crítica" que está a sufrir polo incremento dos custos de explotación, sobre todo do gasóleo. O secretario xeral de Cepesca, Javier Garat, lamentou a falta de concreción e o descoñecer ata o vindeiro martes os detalles das axudas que irán no Decreto Lei, que aprobará ese día o Consello de Ministros, pero congratulouse de que se aceleren as axudas de Bruxelas e se poida obter un adianto para non ter que esperar á tramitación comunitaria.
"Hai unha serie de custos que fan que a actividade hoxe en día sexa inviable para moitos dos pescadores, porque saír pescar custa moito diñeiro e cos ingresos da venda non se cubren os gastos. Ademais, non somos capaces de repercutir ese incremento ao prezo final de venda, polo que estamos nunha situación moi complicada e necesitamos axudas inmediatas", explicou sobre a situación da frota nacional.
DECIDIRÁN EN BREVE SE A FROTA SEGUE AMARRADA
Doutra banda, os representantes da frota española aseguraron que decidirán en breve se a frota segue amarrada, xa que tras a reunión con Planas tiñan previstas as súas respectivas xuntas directivas onde ían trasladar aos seus asociados as medidas que implementará o Goberno e serían eles os que adoptarán a decisión final.
"Imos comunicar o tratado na reunión aos asociados que son os que van decidir e os que marquen a nosa reacción. A nosa xente quere saír pescar, pero serán eles os que decidan. Vimos ao Ministro con predisposición para axudar", indicou Garat. Otero tamén explicou que as confrarías terían tamén a súa xunta directiva. "Eles decidirán, pero o noso non é estar parados e o noso traballo é pór encima da mesa o peixe. As xuntas directivas serán as que digan o que imos facer a partir desta mesma noite", indicou o presidente das confrarías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.