Memoria románica en Pesqueiras

Arte, maxia, teatro, máscaras. Escenografía galega. Entre o mito e o ritual. A ilusión ancestral de reproducir o que se desexa, darlle forma, cor e corpo a aquilo que mellor nos representa. Se o pinto talvez o posúa. A teatralidade fronte á morte e a desaparición.

Por Mariña Pérez | Ames | 12/06/2014

Comparte esta noticia
Que a xente dun lugar recupere o seu patrimonio desaparecido non ten un valor ponderable. Sucedeu en Chantada coma unha sorte de milagre que podía terse producido en calquera outra igrexa románica abandonada no noso territorio. O mosteiro de Pesqueiras estaba mutilado tras a desaparición da súa virxe hierática e sedente, talla totalmente románica que faltou misteriosamente, ao igual ca unha pía bautismal. Non imos abondar na desaparición do noso patrimonio. Imos falar da súa recuperación, entre posible, parcial, evocadora e milagreira.
 
A artista Ana Sastre reproduce tallas de virxes románicas en pasta de papel, apoiándose en fotografías e en continuas visitas a espazos privilexiados para coñecer de primeira man a ollada destas virxes. Non só dá vida a tallas desaparecidas, irrecuperables nalgúns casos, senón que tamén lles dá visibilidade a aquelas que non están expostas á visita do público.
 
É un exemplo de teatralidade viva. Ten a mesma orixe cás pinturas dos bisontes nas paredes da cova. Se o imaxino, é posible dotalo de vida. Está presente en toda a imaxinería relixiosa. Coma un belén vivente ou un paso de procesión.
 
O curioso e anecdótico desta virxe de Pesqueiras, tras a súa reprodución por parte da artista, o que realmente lle confire un valor excepcional é a posterior reacción popular. Durante aquel acto de entrega da talla nova á igrexa, a xente que lembraba aínda a auténtica acabou murmurando extasiada que xa aparecera de novo a súa virxe; é dicir, viviron a aparición da imitación coma se se tratase dun feito real e non dunha escena teatral por todos convida e para todos explícita. 
 
Nesa confusión realidade- teatralidade está o cerne do asunto, o que lle dá un aire case surrealista ao episodio. Porque a primeira recuperación ten que pasar inexorablemente pola memoria e pola posta en valor fronte a calquera signo de esquecemento.
 
O contento dos patrucios do lugar por recuperar, aínda que só fose en imaxe copiada, a súa virxe auténtica espoliada, engade unha autenticidade ao traballo artístico de Ana Sastre e xungue dalgunha maneira ás novas xeracións coas máis antigas ao darlle vitalidade a ese símbolo do románico de Pesqueiras.
 
Virxes románicas sedentes, co neno, coa mula, abrideiras, preñadas ou paridas, rostros femininos que cos seus ollos enormes, case desmesurados, insinúan outra posibilidade de VER. Dalgunha maneira tamén son eco do que sufriron as mulleres ao longo da súa historia; tallas que foron espoliadas, mutiladas, maltratadas, afastadas do seu lugar de orixe e do espazo preeminente que lles correspondería ocupar no altar. 
 
Representan a imposibilidade da contemplación popular da arte fronte ao valor comercial dos obxectos. Paradoxalmente é a memoria colectiva que evocan as réplicas o que achega neste intre a verdadeira dimensión dunha realidade invisibilizada ou escachada que nos pertence.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.