Monedero fixo ao revés, primeiro cortou os seus cabelos nunha sesión pública de lavado e perruquería, e despois probou a facer un falso Bob para ver que tal lle quedaba. Deu un paso de impacto e logo recuou, porque o Bob precisa de volume e a el quedoulle o cabelo demasiado apegado ao rostro. Resultados desastrosos na opinión de medio país. En conxunto, non lle beneficiou ese cambio de look capilar, un pouco patrocinado por Facenda, se ben é certo que acabou por atraer algunhas ideas románticas que idealizan a dimisión coma un efecto de estilo ao alcance de poucos. Desapareceu, pero segue nos palcos en primeira liña. Creou a Non-dimisión.
Nestes casos, hai que preguntarse coma un inspector de policía ante un asasinato: A quen beneficia?
Sempre que un segundo abandona as primeiras filas ou se fai notar con certo estrépito, semella que repercute nunha medra de apoio social cara ao primeiro. Pequeno exemplo práctico: o falso shaolín asasino provoca unha admiración inexplicable polos auténticos, aínda que non teñamos nin idea do que son. Polo menos son auténticos.
Se se queima Monedero en público, colle pulo a figura de Iglesias e a organización. Se cae un segundón, nacen anticorpos de defensa no sistema inmunolóxico do líder. Posible estratexia de intercambio de poderes na sombra? Rubalcabilizarse con premeditación?
Algo semellante pode ocorrer en Grecia. Apartar a Varufakis da primeira liña significa implicitamente que Tsipras navega puro e libre, con decisión. A exposición pública do segundo beneficia o primeiro nunha especie de selección natural, un darwinismo político. Resiste o que goberna a sotavento. O poli bo e o poli malo.
Esa estratexia de xerar un culpable ao redor que reciba as acusacións de impureza e pecado chega ás veces a recaer sobre xente que xa morreu e cuestiona a idoneidade da súa actuación pretérita. O novo director de Charlie Hebdó di que renuncia definitivamente a caricaturizar a Mahoma porque eles xa cumpriron e ademais, é inxusto facerlle pasar medo a toda Francia. Seica non todo estaba perdoado. Talvez outro estraño corte de pelo…
“O contacto permanente con aquilo que queremos superar, ás veces fai que nos parezamos ao que queremos substituír”, dixo Monedero, antes de mudar de hábito e pretender ir de hipster pola vida. Vestir vintage e poñer lentes pode ser doado, pero é máis difícil emular a un hipster no asunto da barba, porque nin a barba nin a coleta medran dun día para outro; hai que ir calculando o seu efecto xeral, adaptala ao corpo, coma un falso Bob tímido recollido na noca que se oculta de olladas impertinentes. En todo caso, unha vez máis, no xogo de estilos e simulacións contidas, gaña Letizia por goleada.