Lector Zuckerberg

Esa estraña relación entre o mundo das palabras e o diñeiro. O mecenado. A dubidosa sombra dos dereitos de autor.

Por Mariña Pérez | Ames | 04/04/2015

Comparte esta noticia
Dun lado, Mark Zuckerberg vainos ensinar a ler coa exquisitez dos de Silicon Valley. O facebookiano, a través do seu sistema de contactos, propón ler un libro quincenal para debater sobre el nun club de lectura. Eu, coma Bartleby, preferiría non facelo… A moitos dos seus fans seica non lles dá tempo de rematar a lectura nese tempo e protestan, sobre todo aqueles que levan unha vida laboral activa, pero o filántropo avanza polo mundo da lectura con perfil e decisión, coma un neno cun xoguete novo. Por descontado, os libros que propón acaban por ser best sellers no mundo enteiro.
 
Por outra banda, Bill Gates pode pagar manuscritos orixinais de Leonardo da Vinci e contemplalos el só na súa mansión cando se aburre. E a  Casa de Alba pode abrirlle as cartas a Cristóbal Colón, se ben non pode subhastalas.
 
Malia seren algo repetitivas ano tras ano, quero compartir un dato xenial que atopei nas declaracións sobre hábitos de lectura en España. Coma sempre o máis interesante é o que se deixa ler entre liñas. Os enquisados tiñan que declarar en que formato preferían ler,  se gozaban máis da lectura en papel ou nun eBook Reader.  Pois ben, un 15 %  non sabía sequera que se podía ler un libro en pantalla, descubriron tal formato na propia enquisa. Talvez non o saiban porque non o poden mercar, a tecnoloxía corre demasiado paralela á nómina. Con que criterio van opinar sobre a idoneidade de ler nun eReader se non teñen esa información nin acceso ao aparello? Ao mellor, auguro, ao desaparecer a clase media coa crise, tamén desaparece a literatura para a middle class e todo se polariza en refugallo barato ou en alto standing literario. E non sei que prefiro, xa veremos. 
 
Suponse que moitos dos lectores novos gañados polo eReader, sexa por curiosidade ou por certo snobismo comercial,  volverán  esmorecer, porque a lectura é un traballo persoal, lento e intransferible. Sexa no formato que sexa, hai que baixar a cabeza e ler. Ten que gustar. Desde Madame Bovary ata o catálogo de Ikea. Pero non todo van ser impedimentos: no outro polo da cuestión está Worldreader: millóns de usuarios de todo o mundo poden ler de balde grazas a esta aplicación. Espállase a literatura en libros gratuítos en teléfonos móbiles, algo así como dicir Escritores sen fronteiras. É como darlle facilidades ao virus lector.
 
Tamén escoitei que se realizou unha enquisa sobre os libros máis esquecidos nos hoteis do mundo. O libro máis vendido e lido (?), o denominado  porno para mamás, resulta ser tamén o máis abandonado nos cuartos alugados … Futilidade ou consumo rápido? Literatura para pasar o tempo, sexo rápido, enredo, pasatempo ou palla mental? A lectura multiorgásmica está de moda.  A maioría dos que van ver  50 sombras non viu clásicos que teñen moito máis poder erótico e literario nin escoitaron falar dun famoso marqués francés. Pero ese é outro cantar. O certo é que o devir literario dun texto vén marcado temporalmente polo seu éxito comercial e a xestión dos seus dereitos. Despois fica libre para o mellor lector que será, coma sempre, o tempo.
 
Pero ultimamente, e a propósito da influencia dos mecenas sobre o creador, da marca indeleble do diñeiro na transmisión da palabra, chama moito a atención o caso da película Selma, inspirada na vida de Martin Luther King. No filme que  agora se estrea non se pode escoitar un só discurso real porque os descendentes non dan permiso a este biopic para que utilice os textos exactos, por iso teñen que ser todos parafraseados, perdendo así o seu valor histórico e a súa autenticidade. Os dereitos tenos actualmente outro narrador de gran influencia económica: Steven Spilberg, a quen chaman o Rei Midas de Hollywood. Só el pode usar no cine a palabra de redención de Luther King. Quen máis paga, ten acceso aos seus discursos: anteriormente, no mundo publicitario, puidéronos citar entre outros, as marcas Chevrolet ou Mercedes Benz. Ao final, case semella que o soño que tiña Luther King era mercar un coche de gama alta, moita tapizaría e nada que ver con loitar polos dereitos dos afroamericanos nunha América clasista e racista. Vivir para ver.
 
Só Spilberg ten dereito a reproducir as valentes palabras do reverendo. Case é un secuestro ideolóxico. Esa estraña relación entre o mundo das palabras e a economía, digo. Cumpridos eses anos en que os dereitos de autor lles pertencen aos descendentes, será no ano 2039,  cando o famoso discurso “I have a dream” pase a ser de dominio público e poida ser citado por calquera, desde ET a Indiana Jones. Aleluia, irmáns!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.