Este verán chamoume moito a atención a linguaxe televisiva -tan calculada, case cortada ao nesgo- a propósito do apagado eléctrico que aconteceu no aeroporto de Madrid. Cando fallou a subministración eléctrica, os comentaristas falaban arreo do aeroporto de Barajas, pero cando se restituíu a orde e a civilización, xa volveron falar do aeroporto Adolfo Suárez. Dous nomes segundo vaia ou veña a luz? Non me fagan caso, serán iluminacións miñas, pero ás veces a duplicidade arrastra consigo o finximento e mesmo nos traizoa o subconsciente.
E porén, outras veces hai que admitir que nos leva á clarividencia. Só por poñerlles un exemplo, viron a dobre fachada que ultimamente loce a catedral? Ese trampantojo de quilómetro de protección que non ten nada de mudéxar, cuxa finalidade é só ocultar o feísmo da dobre estrutura? Acaso non lles transmite a sensación de que a igrexa está en obras, que ten que repararse, coidar as súas feridas, exfoliar a pel ou que talvez precisa un lavado de imaxe…?
Hoxe en día, a nivel social, a figura do dobre, do especialista ou do emérito, está creada para darlle máis forza aínda ao líder moderno. Só así se explica que teñamos dous papas (un activo e outro na reserva mirando por nós e rezando, que falta nos fai). Case é unha imaxe grimosa velos xuntos no Vaticano. Cousas da vida e da xubilación.
Talvez a impresión máis palpable sexa que o líder actual da Igrexa gaña diante da opinión pública un plus de modernidade. Eu inclínome por pensar que xa non hai Deus que nos poña de acordo en nada. Será por iso tamén que temos dous Reis ( ambos irresponsables dos seus actos neste caso). Cousas da Constitución. A verdade é que Antonio López, sendo un mestre do hiperrealismo entregou un retrato da familia real emérito e marcadamente surrealista polo que tivo de efémero tras a súa tardanza.
Hai exemplos de duplicidades por todas partes. A que estado pertence Crimea? Ás veces depende do informativo se vexa, o do mediodía ou o da noite. A península ten días. E en Escocia… gran paradoxo! a pesar de gañar o NON, non perdeu o SI. Os cataláns apostan agora polo falso referendo, non convence a ninguén pero mobiliza a todos e fai ruído. Temos que estar moi atentos a todo o que se move por se deriva en alucinación e farsa, non esquezan que case vemos ao Murcia xogar en dúas divisións á vez.
E por fin - a punta de lanza a onde queriamos chegar, eu non o nego- que me din das Letras Galegas 2014?
Pois segundo en que provincia pregunten.Vai por parroquias ou por grupos sociais. Minifundismo cultural sen norma, lei nin patrón. Sen consenso nin convicción. Acabouse a era dos dogmas e das verdades incuestionables, durou o que durou. Seguimos redobrando a realidade en dúas partes que se ollan nun espello con acritude, sen escoitarse, sen recoñecerse, e mira que nolo avisa ata o feng shui!
A min non me preocupa nada a variedade de culto, o fragmentarismo si. Non me dá que pensar a ampla oferta de autores para homenaxear, nin o yin nin o yan, pero desconfío de tanto Qui negativo, ideoloxías rancias por todos lados, vitimismos, estratexias de mercado, alianzas comerciais e perspectivas umbilicais. Un paso adiante e outro atrás, Galiza. O conto de sempre.
Botando man do símil futbolístico, xa sabemos que está de moda ese falso nove, o disimulo, a carreira comezada que non é. Vivimos unha era de réplicas, dobres e especialistas. Que pase outro. Aparencias e conatos, en moitos casos. Deuses falsos a correr pola banda sen xeito e sen adestrador. No fondo, adoramos a Penélope e o seu nobelo. Somos incorrixibles.
Bis.