De esqueletos e memorias

Por máis voltas que lle dou non atopo outra explicación que non sexa a puramente comercial. Refírome a localizar e identificar exactamente os restos de don Miguel de Cervantes. Xa é sabido que repousan no mosteiro das Trinitarias tal e como el desexou. De onde procede esta ansia por detectalos e identificalos a través do xeorradar? Podémolo tomar coma un alarde da ciencia, a verdade é que individuos soterrados con artrose e mans lesionadas pode habelos a ducias, dadas as circunstancias daquela época. Dise que o propio Cervantes tivo que fuxir de España antes de que a xustiza lle mancara a man como castigo por quedarse con parte dos impostos que recadaba…

Por Mariña Pérez | Ames | 02/07/2014

Comparte esta noticia
Non é o único caso da procura dos restos dun escritor pero talvez nalgúns exemplos exista unha razón máis argumentada para a busca ou o seu traslado. No caso de Lorca é máis que evidente o afán de dignificar o cruel final que sufriu o poeta a mans do fascismo. O seu corpo honrado publicamente suporía unha victoria moral in extremis, o triunfo da palabra e da dignidade fronte aos pistoleiros asasinos. Non cabe dúbida de que xeraría unha forza social de apoio impresionante e fonda emoción en amplos sectores. Tamén rexeitamento noutros, lamentablemente, como sucedeu co traslado dos restos de Castelao.
 
Caso distinto parece o de Antonio Machado, soterrado en Collioure, Francia, onde morreu no exilio (a onde disque se trasladou a vivir coa súa familia, segundo un libro de Anaya, afortunadamente xa retirado da aulas). Semella haber bastante consenso en non trasladalo, no sentido de que o feito de estar soterrado alí no exilio dá boa conta da persecución que sufriu. Ende ben, o seu traslado só suporía unha xestión de tipo turístico, xa saben, o turismo de cemiterio ao estilo de Père-Lachaise en París, o cemiterio-pasarela por onde pasan dous millóns de persoas anualmente ( referímonos ás vivas e con tarxetas de crédito, claro está).
 
Toda esta mitomanía de cemiterio só conduce a crear circuítos de visitas que xeran beneficios, xa que dalgunha maneira continúan dando vida ao autor ou autora. Disque dixo Vargas Llosa que o único que o pode evitar é a incineración. Tampouco isto  é certo, xa viron con Gabo, case houbo lea para lanzar as súas cinzas entre flores amarelas ao aire colombiano ou ao mexicano. Fifty-fifty. A gabomanía está máis activa ca nunca. Case acaba de nacer, porque os  dereitos de autor non morren, rebrotan.
 
Volvendo ao caso de Cervantes, non se enxerga tanta razón histórica ou moral para localizar e certificar os seus restos por moito que se empeñen a RAE e o reputado antropólogo Etxeberría.  Se el desexaba repousar alí, como así sucede, que sentido ten singularizar os seus restos séculos despois, el non será suficiente cunha placa que lembre ao visitante que alí dirixa os seus pasos que… baixo estas lousas está soterrada a egrexia figura de...?  Ou talvez engadir: Como te ves, me vi, como me veo…etc.
 
En todo caso, para que unha vez máis quede constancia da xenialidade de Cervantes, da súa perversión intelectual e da intelixencia adiantada ao seu tempo, léanse por favor as liñas que seguen. Se vostede non quere que lle destripen o final do Quijote non continúe. Pero se vostede, amigo lector, segue aí (grazas) verá que don Miguel ten que dar morte ao seu personaxe máis ilustre, entre outras cousas para que o tal Avellaneda non o siga plaxiando impropiamente. Non perdan detalle de como aclara Cervantes a escena da morte do seu personaxe neste capítulo 74 da segunda parte porque é perfecto e premonitorio. O subliñado é licenza miña:
 
Hallóse el escribano presente, y dijo que nunca había leído en ningún libro de caballerías que algún caballero andante hubiese muerto en su lecho tan sosegadamente y tan cristiano como Don Quijote; el cual, entre compasiones y lágrimas de los que allí se hallaron, dio su espíritu: quiero decir que se murió. 
 
 Viendo lo cual el cura, pidió al escribano le diese por testimonio como Alonso Quijano el Bueno, llamado comúnmente Don Quijote de La Mancha, había pasado desta presente vida y muerto naturalmente; y que el tal testimonio pedía para quitar la ocasión de algún otro autor que Cide Hamete Benengeli le resucitase falsamente, y hiciese inacabables historias de sus hazañas. 
 
 Este fin tuvo el ingenioso hidalgo de La Mancha, cuyo lugar no quiso poner Cide Hamete puntualmente, por dejar que todas las villas y lugares de La Mancha contendiesen entre sí por ahijársele y tenérsele por suyo, como contendieron las siete ciudades de Grecia por Homero

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.