Críticas á subvención directa aos combustibles fósiles: "Hai que mudar o modelo de mobilidade"

Verdegaia considera que as medidas impulsadas ante a suba dos prezos poñen de manifesto que a transición ecolóxica "non é máis ca un lema publicitario" para o Goberno.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"A subvención directa aos combustíbeis fósiles é un grave erro da Administración". A asociación pola sustentabilidade ecolóxica Verdegaia é contundente á hora de valorar as medidas que o Goberno está poñendo enriba da mesa ante a situación que atravesan os diferentes sectores económicos. "Para atallar a emerxencia climática", explica nun comunicado, "cómpre mudar o modelo de mobilidade, non aplicar unha fiscalidade marrón bonificando as prácticas máis contaminantes".

Gasolineira, gasoil, IPC, prezos, consumo, petróleo, carburante
Gasolineira, gasoil, IPC, prezos, consumo, petróleo, carburante

O anuncio da subvención ao consumo dos combustíbeis fósiles pon de manifesto, segundo Verdegaia, que conceptos como 'transición ecolóxica' ou 'desenvolvemento sustentable' "non son máis que lemas publicitarios dun goberno que nunca os tomou en serio". A subvención de 15 céntimos con cargo ás arcas públicas ao consumo de gasóleo e gasolina é un incentivo ao uso dos medios de transporte máis contaminantes, que son responsables polo 21,6% das emisións de CO2 e os principais emisores de óxidos de xofre e de PM2.5 causantes de serias doenzas respiratorias, sobre todo, nos núcleos urbanos, lembra Verdegaia

Ademais, dende a asociación denuncian que esta subvención se suma a unha "extensa lista de medidas que retiran competitividade aos medios de transporte colectivos máis sustentables". Entre elas, fai referencia á "exacerbada" construción de vías de alta capacidade (ampliación da AP-9, construción da circunvalación de Pontevedra (A-57), da Autovía Teo-A Estrada (AG-59) ou da VAC Baixo Miño…), as constantes axudas para renovar o parque automóbil e a "permisividade" da que gozan coches e motos para incumprir as normas de tráfico.

Segundo Verdegaia, as medidas deberan ir encamiñadas a promover o transporte colectivo - trens de proximidade e autobuses - posto que, na actualidade, "non é unha opción de mobilidade atractiva". Como facelo? A asociación propón ampliar servizos e frecuencias, coordinar os distintos medios para mellorar a intermodalidade, abaratar os seus custos e mellorar a integración tarifaria, e desenvolver accións para mellorar a accesibilidade, o confort e a seguridade.

"Esas medidas son unha peza fundamental para contribuírmos a limitar o quecemento global a 1,5ºC, pois Galicia debería reducir as súas emisións de GEI en, polo menos, un 65% xa en 2030, con respecto a 1990", expón Verdegaia, que lembra igualmente que a comunidade científica indica que os impactos continuarán aumentando se se atrasan os cortes drásticos nas emisións de gases de efecto invernadoiro. "Cunha acción inmediata agora, aínda é posible evitar impactos drásticos".

"Para garantir con éxito o noso propio futuro e o futuro das próximas xeracións, hai que ter en conta os riscos climáticos en cada decisión e planificación. Temos o coñecemento e as ferramentas. Agora tócanos elixir", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fernando A.

Está claro que con medidas así solo usan el transporte público aquellos que no tienen coche.