Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 13:21
O BNG presentou este sábado "un plan de país" para "un rural vivo e con futuro" que consiste en dez liñas estratéxicas que pretenden, entre outras cousas, "garantir a soberanía alimentaria, crear riqueza, ser sustentable no ambiental e ofrecer servizos de calidade" ante "o abandono", denuncian, do Partido Popular.
A portavoz nacional, Ana Pontón, inaugurou este sábado a xornada de traballo 'Por un rural vivo' na que defendeu que "todos os países avanzados" teñen "un rural forte e produtivo" que garante "a soberanía alimentaria". Neste sentido, reivindicou que "ese é o rural que defende o BNG" porque, asegurou, teñen "clarísimo" que é "parte estratéxica e imprescindible para unha Galicia con futuro".
Así, Ana Pontón asegurou que para o BNG este plan significa "defender un sector agrogandeiro potente" e que teña "rendas dignas". Nesta mesma liña, reivindicou a "conservación do medio ambiente" e loitar contra "un dos grandes problemas que ten Galicia como son os incendios forestais". "A Galicia rural está conformada por 263 concellos e ocupa o 90% do territorio, alguén se imaxina unha Galicia de futuro sen o 90% do seu territorio?", cuestionou.
Sobre isto, sinalou que para o BNG é "inconcibible", por iso xustificou que hai que "rescatar o rural do abandono, da improductividade e do despoboamento" e engadiu que "hai que rescatar ao rural da morte lenta que significan as políticas do PP".
DEZ LIÑAS DE ACTUACIÓN
Para levar a cabo esta idea, o BNG presentou este sábado un plan estratéxico estruturado en dez liñas de actuación e ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas, que enumerou a portavoz nacionalista, como manter as escolas unitarias, dotar de pediatría todos os centros de saúde, "reverter os recortes sanitarios no medio rural", garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.
Por outra banda, a segunda liña estratéxica que propuxo o BNG ten como obxectivo conseguir un rural produtivo, que achegue alimentos de calidade e permita a soberanía alimentaria. Para iso, inclúe mobilizar terra agrícola abandonada, en concreto, 100.000 hectáreas en 10 anos e recuperar para uso agrario "as terras ilegalmente forestadas".
Así mesmo, os nacionalistas apostaron por "impulsar a produción hortifrutícola e a agroecoloxía" para superar así "a reduccionista visión do monocultivo de eucalipto". De feito, destacou Pontón, a superficie agraria destinada a produtos de consumo humano en Galicia é do 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é do 25,5%.
COMERCIALIZACIÓN
Ademais, o plan estratéxico aplica un papel chave á comercialización con medidas como a posta en marcha de centros comarcais de envasado e etiquetaje pensados para facilitar a venda da produción de KM0, a creación dunha plataforma pública-privada de comercialización en liña, "a modo de Amazon galego" para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.
Outra das liñas estratéxicas do plan de rescate consiste ene a dotación en infraestruturas. Neste sentido, aposta pola dixitalización do medio rural e por ampliar as novas tecnoloxías, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión, tamén na Galicia interior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.