Humidais, os ecosistemas ignorados pola Xunta que poderían pór un freo á avalancha eólica

A administración protexerá as máis de 1.000 zonas húmidas de Galicia logo de que o goberno de Feijóo se negara a recoñecelas durante 13 anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Dicía Hemingway no mítico Por quen dobran as campás que Galicia era un lugar verde, no que sempre chovía. Se cadra por iso o territorio das catro provincias é lugar rico en humidais; unha riqueza que agora, grazas principalmente ao Goberno central, podería poñer un freo á avalancha de proxectos eólicos que dende hai anos ameazan os seus ceos e montañas.

Humidal
Humidal | Fonte: Ecoloxistas en Acción.

A problemática dos humidais vén de longo no ecoloxismo galego, con numerosas denuncias de parques eólicos instalados ao pé destas zonas que remataban destruídas pola afectación ambiental. Neste caso, é importante atribuír o mérito da Xunta de Galicia, que seguiu aprobando multitude de proxectos de explotación do vento fragmentados de forma irregular --un deles condenado polo TSXG--.

Amnistración e empresas podían instalar os eólicos en tales zonas porque, a pesar de que terían que ser protexidos, a Xunta de Feijóo evitou tramitar a salvagarda de tales áreas. "A reticencia das administracións a tomar en serio a protección dos nosos humidais provocou que moitos deles foran ocupados e degradados por todo tipo de infraestruturas, nomeadamente parques eólicos e plantacións de eucaliptos", inciden dende Adega.

A cuestión podería cambiar tras o compromiso do Goberno central para incluír os máis de 1.000 humidais da Comunidade na actualización de dúas ferramentas de planificación hidrolóxica: os Planos Hidrolóxicos de Galiza Costa --estes competencia da Xunta-- e o da demarcación Miño-Sil, dependente do Ministerio para o periodo 2021-2027.

A protección chega con certa demora --hai casos de humidais afectados de forma irrevocable--, xa que a figura de humidal protexido galego foi creada xa durante o goberno bipartito mediante o Decreto 127/2008, ao que xa de entrada se incorporaron os cinco humidais Ramsar declarados polo Estado no país.  Adega detalla como despois se advertiron ata 1.100 humidais para recoñecelos como tal e dotalos de protección, pero "a Xunta negouse a tramitar a protección destes espazos e en 15 anos só se declarou un", que en realidade era competencia do Goberno central.

A problemática dos humidais rexorde no medio dunha primavera anormalmente árida na que a ameaza de seca volve pender sobre as billas e cisternas do país. O cambio gradual das tendencias climáticas podería dificultar o abastecemento das grandes cidades do país, unha circunstancia ante a cal o movemento ecoloxista insta a coidar as áreas húmidas que poboan o rico e verde país admirado por tantos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta