UE e Xunta abordan os retos da transición ecolóxica durante unha reunión sobre os fondos 'Next Generation'

A Xunta garante o apoio a Bulgaria e a colaboración entre Galicia e o pobo búlgaro ante os novos desafíos aos que se enfronta a Unión Europea, tal e como ratificou este martes o vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, na inauguración do Consulado Honorario de Bulgaria en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2022 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, inaugurou na mañá deste martes por videoconferencia un encontro enmarcado nun foro sobre os fondos 'Next Generation', no que abordou xunto a representantes da Comisión Europea a transición ecolóxica e as súas consecuencias sociais e económicas.

En concreto, tratábase da cuarta sesión deste ano do ciclo 'FGE | NextGeneratiOn Galicia', onde Gamallo destacou as novas oportunidades que se deben aproveitar por mor deste proceso transformador, no que xogan un papel importante instrumentos como o Fondo de Transición Xusta (FTX).

Precisamente, tal e como lembrou o director xeral, ao amparo destes fondos asignaranse máis de 100 millóns de euros á provincia da Coruña por ser identificada como zona de transición xusta tras o peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.

Tras Gamallo, dous representantes das direccións xerais de Enerxía e de Política Rexional da Comisión Europea profundaron no funcionamento do Mecanismo de Transición Xusta (MTX), proposto polo executivo comunitario cun fondo de preto de 55 millóns en investimentos públicos e privados ata 2027, para asegurar que a transición ecolóxica sexa en todo caso "xusta e integradora".

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, intervén no ciclo 'FGE | NextGeneratiOn Galicia'. XUNTA
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, intervén no ciclo 'FGE | NextGeneratiOn Galicia'. XUNTA | Fonte: Europa Press

APOIOS A BULGARIA


A Xunta garante o apoio a Bulgaria e a colaboración entre Galicia e o pobo búlgaro ante os novos desafíos aos que se enfronta a Unión Europea, tal e como ratificou este martes o vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, na inauguración do Consulado Honorario de Bulgaria en Galicia.

Alfonso Rueda agradeceu a presenza no acto do embaixador de Bulgaria en España, Aleksey Elenkov, e ante do cónsul honorario en Galicia, César Aja, advertiu da necesidade de profundar nos valores de solidariedade de Europa, "que son tamén os valores do Camiño de Santiago", ante as ameazas do conflito bélico en Ucraína.

O vicepresidente primeiro en funcións, que asistiu acompañado do director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, e do director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou que o pobo galego demostrou a súa solidariedade e hospitalidade co pobo ucraíno coa posta a disposición de 1.400 prazas para os refuxiados deste país.

Así mesmo, dixo, esa colaboración faise extensiva ao pobo búlgaro e a todos os membros da Unión Europa vítimas do novo escenario xeopolítico, sobre todo, os que están máis próximos á fronteira con Rusia e os que están a sufrir as consecuencias da escalada bélica. Rueda advertiu de que "ningún país da Unión Europea permanece á marxe deste conflito".

O vicepresidente primeiro en funcións convidou ao embaixador de Bulgaria a participar do Xacobeo e animou aos seus compatriotas a visitar Galicia con motivo do Ano Santo, xa que "o Camiño de Santiago, como sempre ao longo da historia, está aberto a todos os peregrinos que precisen da nosa hospitalidade e do noso apoio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta