Tránsfugas

“O primeiro paso nesa viaxe ten que ser a dimisión de todo o que implique representación pública obtida desde as filas das que te vas, para volver comezar de cero desde as novas listas. Se non o fas así, poderá ser legal ou non a túa situación, pero o que está moi claro é que a mesma queda moi afastada da ética.”

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 05/05/2022

Comparte esta noticia
Creo que, nestas alturas da vida, ninguén negará que a democracia representativa constitúe, a pesares das súas eivas, o mellor dos sistemas posibles. Ou, polo menos, o mellor de tales cando falamos de sociedades complexas e numerosas, nas que outras fórmulas, máis abertas, inclusivas e directas, son imposibles. No moi pequeno poden ir ben, tal como o proban os concellos que funcionan no país, non moitos, co sistema de "concello aberto". Pero, a un pouco que crece a complexidade, é realmente imposible...
 
Democracia representativa, pois, aínda que son moitas as melloras que se lle poden facer. Para empezar, a de poñer os medios para evitar o crecemento desmesurado e posterior enquistamento dunha industria política ben establecida que, en moitas máis ocasións que as desexables, convértese nun fin en si mesma. Danse vostedes de conta que moitos dos nosos políticos hoxe non fixeron nunca cousa algunha fóra da carreira propiciada pola pertenza ao seu partido? Non lles parece raro? Pero hai máis... Porque, por riba disto, preséntanse múltiples perversións que dan ao traste coa credibilidade do sistema de cara aos seus patróns, a cidadanía. Nesta liña, non sei que pensan vostedes ao respecto, pero para min unha das máis insoportables reviravoltas escuras deste ámbito, vixente hoxe en determinadas instancias, é a do transfuguismo. Xa saben, persoas que son elixidas para unha determinada responsabilidade de corte representativo polo pobo desde unha determinadas filas que, pola súa deriva persoal, pasan a defender outras cores e, de forma consecuente,  outras ideas e outro programa ben diferente do orixinal. Un verdadeiro fraude cara aos emisores das papeletas que levaron á persoa en cuestión ao escano que ocupa.
 
Son dos que pensan que tal actividade tránsfuga debería estar absolutamente prohibida por lei. Pero se ve que as diferentes opcións políticas -ou, polo menos, as maioritarias- prefiren deixar esta porta aberta para cando lles convén, porque a súa imposibilidade non é algo que se teña abordado con un amplo consenso. E isto, para min e grave. Ou non? Porque miren, e moi lexítimo que cada quen poida cambiar as súas ideas ou mesmo decidir a mudanza que estime oportuna no seu compromiso cun partido, con outro ou con ningún. Pero o primeiro paso nesa viaxe ten que ser a dimisión de todo o que implique representación pública obtida desde as filas das que te vas, para volver comezar de cero desde as novas listas. Se non o fas así, poderá ser legal ou non a túa situación, pero o que está moi claro é que a mesma queda moi afastada da ética. E non só da túa, senón tamén da de todo aquel que, beneficiado polo teu comportamento, aproveita a circunstancia e basea a súa maioría, por exemplo, nestas cousas. Ao curto prazo pode resultar isto ben gustoso desde uns determinados intereses. Pero ao longo, sen ningún tipo de dúbidas, enferruxa a praxe democrática e  estraga os seus valores. E iso sempre ten un alto custo en materia de calidade cívica e política da sociedade na que isto acontece.
 
Hoxe, mirando ao mar mentres ordeno as miñas notas para esta columna, penso nos tránsfugas que temos na nosa política. Neles e no seu discurso cando se lles cuestiona, que sempre é agresivo, non entrando ao fondo do fraude que practican e botando balóns fóra respecto á súa situación. Situando no contrario o problema, e non querendo ver o dano inmenso que lles fan ás nosas institucións. É unha mágoa que o noso modo de goberno non teña sistemas automáticos de revogación das credenciais de quen isto practique, pasando a súa acta á seguinte persoa na lista pola que foi elixida. E tamén o é que, non existindo isto, teña que ser a xustiza a que, ás veces, termine levando á normalidade tales situacións profundamente anómalas. Algunhas veces, si, porque outras nin sequera nas súas sedes tales feitos se dirimen.
 
Os tránsfugas non saben conxugar o verbo asumir, o verbo dimitir e aquilo tan cinematográfico de volver empezar. De seducir de novo aos electores e electoras coas súas propostas, pero desde a transparencia, a honestidade e o xogo limpo. Antes ben, prefiren saír correndo co tesouro -a súa acta nun Concello ou no Parlamento- créndose por riba de calquera ferramenta de control democrático, traizoando así aos seus votantes e á lista que os acolleu, e minando a credibilidade disto que foi tan difícil de acadar, tan complicado de manter e tan feble, ante malas prácticas que diariamente o ameazan: a nosa democracia.
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”
 

A Viñeta de Lopez - Transfugas
A Viñeta de Lopez - Transfugas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.