Quen é Pedro Campos Calvo-Sotelo, o amigo galego do rei emérito?

O empresario pontevedrés coñece ao monarca desde os anos 80. SOS Panadeira denunciou en Bruxelas a súa polémica decisión, como presidente do Club Naútico de Sanxenxo, de ampliar as instalacións e "privatizar" as praias urbanas de A Iriña e A Panadeira.

Por Galicia Confidencial | Sanxenxo | 19/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Pedro Campos Calvo-Sotelo, regatista e empresario. Un namorado do mar e da vela. Algo que o uniu nos 80 ao entón rei español, Juan Carlos I, hoxe rei emérito. Unha paixón  que aínda os segue unindo. E é que Pedro Campos é algo así como un voceiro non oficial do Borbón en España. Foi el o primeiro en facer público o malestar do emérito pola "persecución política" que sufriu e o que insinuou que deixaría Madrid para trasladarse a Abu Dhabi. 

Fernando Casas - directivo do RCNS-, Telmo Martín -alcalde de Sanxenxo-, o Rei Don Juan Carlos e Pedro Campos - presidente do RCNS
Fernando Casas - directivo do RCNS-, Telmo Martín -alcalde de Sanxenxo-, o Rei Don Juan Carlos e Pedro Campos - presidente do RCNS | Fonte: María Muiña Regata Rei Juan Carlos

 

E tamén foi Pedro Campos o que deixou caer hai uns días a intención de Juan Carlos I de volver. O que non se sabía era que o regreso do monarca, caído en desgraza, era a Galicia, concretamente, a Sanxenxo. Alí estará hospedado na súa casa e gozará da súa paixón compartida, a vela. Pedro Campos fala semanalmente co emérito por teléfono e tamén hospeda á súa filla favorita cada vez que a infanta Elena acode a Galicia. Por iso, non será difícil velos esta fin de semana de mariscada preto de Sanxenxo, un dos agasallos que máis lle gusta ao Borbón.

 

Pero quen é Pedro Campos Calvo-Sotelo?. O amigo galego do rei é dunha familia ben de Pontevedra. Fillo do empresario Marcial Campos Fariña e de Enriqueta Calvo-Sotelo, filla do ex ministro de Primo de Rivera, José Calvo Sotelo, asasinado en xullo do 36. Tamén é curmán de Leopoldo Calvo-Sotelo, ministro con Adolfo Suárez, e presidente interino tras a súa dimisión.

 

EMPRESA E VELA

 

A nivel empresarial, o seu nome está relacionados co mundo da vela. Campos foi presidente de North Sails, a maior empresa dedicada á comercialización de velas do mundo, e tamén foi xestor de TWR, unha empresa dedicada ao patrocinio de regatas e compra-venda de veleiros e barcos. Tamén é un dos propietarios do balneario de Cuntis, herdanza do seu pai, Marcial Campos Fariña. 

 

A nivel deportivo, Pedro Campos é o regatista máis laureado de España e un dos máis laureados do mundo. Foi 17 veces campión do mundo e 10 veces campión de España en diferentes modalidades de vela, ademais de conquistar ata en 11 ocasións a Copa do Rei de Vela, sendo o regatista con máis títulos desta competición. Desde 1999 é o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e director deportivo do equipo Team Telefónica.

CRÍTICAS 

De feito, a súa paixón pola vela non está exenta de críticas. Como presidencia do Club Naútico ordenou unha serie de actuacións moi discutidas, entre elas, a ampliación das instalacións e a "privatización" das praias urbanas de A Iriña e A Panadeira, algo que lle reportou denuncias de SOS Panadeira e do partido político AGE que falou dun "desastre ambienal" por "intereses do empresario Pedro Campos Calvo-Sotelo".

De feito, o empresario estivo no punto de mira da UE, xa que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a trámite a denuncia presentada neste organismo por SOS Panadeira. Esta entidade e AGE pedíronlle á Comisión Europea que efectue unha investigación sobre se no proxecto do Real Club Náutico de Sanxenxo se está a infrinxir a lexislación da UE.

Tamén a súa xestión no Balneario de Cuntis, onde naceu, xerou críticas de colectivos sociais que teñen denunciado o "uso abusivo" de fontes termais púbicas da localidade. De feito, o propio Concello de Cuntis criticou o proxecto de Lei de Regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia ao entender que se trata "dunha regulación ideada para favorecer aos propietarios privados de balnearios, impedindo a competencia e estendendo a blindaxe xurídica da que gozan actividades distintas vencelladas á saúde".

O Concello de Cuntis denunciou que a Xunta facilitou que balnearios como o de Cuntis, ademais de ampliar o seu perímetro de protección, poidan impulsar a iniciativa privada no uso de carácter lúdico da auga. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta