Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2022 | Actualizada ás 12:20
Os enxeñeiros técnicos forestais temporais da Consellería do Medio Rural levan en folga indefinida dende opasado 6 de maio para protestar contra o abuso de temporalidade da Xunta de Galicia. Denuncian que a administración autonómica ten a obriga de cumprir a lei para instaurar un concurso de méritos no tocante ás prazas ocupadas por interinos dende antes de 2016.
Pero a administración, explican, segue de brazos cruzados mentres algúns traballadores alcanzan xa os 20 anos como temporais. Unha circunstancia que, de acordo cos mobilizados en folga, implicaría ter sido excluídos de completementos salariais que si chegaron a persoas con praza fixa.
"Son laboral con 24 anos de antigüedade, en situación de fraude dende fai dúas décadas e súmome á folga porque estou cansa de que nos pisen. Para os enxeñeiros de montes, agrónomos, agrícolas e forestais da Consellería do Medio Rural deberían ofertar, cando menos, 135 prazas en concurso de méritos pero a realidade é que nos eliminan 96. Non pode quedar ningunha praza atrás, a Xunta ten que cumprir a Lei", incide MFCC, que segundo os convocantes leva no Servizo de Montes de Pontevedra dende 1998.
A protesta dos traballadores forestais temporais pasa polo aparente incumprimento da Xunta para coa Lei 20/2021 de medidas urxentes para a reducción da temporalidade no emprego público. A norma do Goberno central implica que os interinos de longa doración sexan sometidos a un concurso de méritos, concurso que lles permitiría quedar coas prazas en desempeño atendendo á experiencia acumulada en todos eses anos.
A problemática está en que a Xunta, inciden, négase a convocar tal concurso de méritos ou ofrece prazas reducidas; de aí que, segundo os mobilizados, a vontade da administración sexa a de facer pasar os traballadores interinos de longo percorrido por unha oposición, circunstancia á que se opoñen os traballadores.
Sexa cal sexa a saída ao presente problema, a orixe do enfrontamento está no abuso da temporalidade que a Xunta de Galicia fraguou ao longo dos anos alegando urxencia na necesidade de contar con xente no eido forestal. "A Xunta non convocou oposicións, e cando convocaba (no sector forestal cada 10 anos ou máis, sacaba moitas menos prazas que as que estaban ocupadas por interinos", inciden os traballadores.
"Ademáis do anterior, a Xunta decidíu que con estes traballadores podía tomarse certas licencias como non pagarlles algúns complementos (os famosos trienios, que agora xa cobran por sentencia xudicial, ou a máis recente carreira profesional, que aínda a día de hoxe seguen sen cobrar pese a unha sentencia ao seu favor do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no 2021)", inciden. "Por desidia, comodidade ou por ese aforro económico, foron pasando os anos e o abuso da temporalidade na Xunta acabou facéndose algo estrutural e aceptado por todos". Agora, a demanda pasa por que a Xunta faga cumprir a lei do Goberno central e convoque un concurso de méritos que permita fixar ao persoal interino de longo percorrido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.