Jácome critica a denuncia da xefa da Policía Local de Ourense que activou o protocolo antiacoso do Concello

O alcalde afirma que "hai funcionarios que non a rascan" e que alegan acoso como "feble defensa" cando se lles pon "no seu sitio".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 03/06/2022 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A xefa da Policía Local de Ourense presentou unha denuncia a nivel interno ante o Departamento de Recursos Humanos que activou o protocolo antiacoso do Concello. Foi o concelleiro de Ciudadanos, José Araújo, quen desvelou a existencia desta denuncia no transcurso do pleno, efectuada contra o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a 6 de maio de 2022
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a 6 de maio de 2022 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

O edil, antes de proceder á lectura da moción presentada polo seu partido, quixo brindar un recoñecemento aos funcionarios e "en concreto a aqueles que teñen a valentía de denunciar a situación á que son sometidos polo goberno municipal" e máis en concreto, "por parte do goberno municipal de Democracia Ourensana".

Deste xeito, trasladou a súa falsa "solidariedade é máxima coa xefa da Policía Local" e con todos aqueles funcionarios que se atopan de baixa "por cuestións de saúde mental" e que, nalgún caso, "se senten presuntamente acosados polo goberno municipal afectando a súa saúde física e mental". E neste sentido foi no que expresou que a xefa da Policía Local "presentou unha denuncia por esta situación".

Tras o dito, tanto o PSdeG como o BNG e os edís non adscritos sumáronse á solidariedade pola situación, sumándose tamén á crítica polo trato que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, dá ao funcionariado.

Interveu o rexedor municipal para soster que a xefa da Policía Local, do mesmo xeito que o resto de funcionarios, "teñen toda a liberdade do mundo" para denunciar, pero eles, así mesmo, entenden que "hai funcionarios aos que hai que marcar certas directrices porque algúns non están a cumprir de forma adecuada as súas tarefas".

"Nós pomos en práctica nosas políticas e moitos recursos que quedan a algúns funcionarios é facer iso, denunciar por acoso ou coller unha baixa ou o que sexa", comentou Jácome aseverando ademais que o feito de que "denuncien non implica que teñan razón".

Nesta mesma liña, o rexedor municipal manifestou que xa deu parte á mutua para que investigue "ese tipo de baixas". "Como non vou desconfiar dalgunha desas baixas? Dígoo aquí e aos catro ventos, denuncieino e desconfío, fágoo eu e todo o mundo", proclamou.

Na súa alegación citou outros casos de baixas municipais, en concreto o da xefa de Protocolo do Concello, da que dixo que traballaría o mesmo día en que a relevou nas tarefas de organización das vodas civís e ao día seguinte colleu unha baixa. "Que curioso, pídeslle ao médico unha baixa e dácha o mesmo día en que sae a polémica", dixo Jácome, enumerando máis casos como o dun técnico do auditorio, a quen apartou das tarefas de programación "porque non sabía programar. "Dixémosllo e colleu unha baixa médica", sinalou.

"VEUCHE DE GOLPE A DEPRESIÓN? EN TRES HORAS?"

"Dígolle que non sabe programar e cóllese unha baixa. Veuche de golpe a depresión?, En tres horas? Que cousas máis raras", cuestionou o alcalde antes de defender que "os técnicos e os funcionarios tamén cometen delitos, non só os políticos", afeándolle á oposición "que crea que todo o mundo comete delitos menos os técnicos". "Que pasa?, son deuses? Todo o mundo pode cometer ilegalidades", sentenciou.

Con todo, insistiu en que deu parte á mutua para que investigue esas baixas "porque é moi raro". "Alá a mutua, desde logo desas baixas o 75% do custo págao a propia mutua, así que é a súa responsabilidade e non a miña", dixo para, a continuación, expor que tras un cambio lexislativo do Goberno Español, polo cal se deixou de pagar o 100% do soldo os primeiros días de baixa laboral, "producíronse máis curacións que en Lourdes; expliquenme vostedes iso", pediu á oposición.

"Por sorte non todos, pero no Concello hai algúns funcionarios que simplemente non a rascan e/ou queren tomar decisións que son exclusivas do ámbito político, e cando finalmente os pos no seu sitio, a súa única e feble defensa é alegar acoso", sinalou máis tarde, Jácome, nuha mensaxe en Twitter.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta