Para a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (sección do Foro E. Peinador) constitúe un motivo de satisfacción ter nucleado a máis dun cento de empresas que incorporaron o noso idioma ás etiquetas. Somos conscientes, eles e máis nós, da importancia que ten pregoar os seus produtos –moitos deles en mercados internacionais- nunha lingua que ten que buscar novos espazos sociais e económicos para pervivir.
Mágoa que as facultades de economícas e empresariais das universidades galegas non teñan nos seus currículos programas dedicados ao estudo da historia da economía galega na que hai fitos de emprendedores galeguistas. Mellor nos iría, porque os cadros profesionais que saen deses centros universitarios haberían ter outros comportamentos lingüísticos e culturais cando tivesen a oportunidades de dirixiren empresas. Mágoa,tamén, que as escolas de negocios dedicadas a formaren a empresarios ignoren tamén nos seus temarios estas ensinanzas. Mágoa,asimismo, que as consellerías de industrias, agricultura e do mar non se teñan empeñado nesta tarefa pedagóxica de galeguizar a industria. Galicia Calidade, como entidade encargada de fomentar a excelencia dos nosos produtos, deberá recoñecer a lingua galega como un elemento decisivo na identificación das denominacións de orixe.
Malia estas carencias a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros vén actuando con imaxinación e redobrados esforzos coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para que as organizacións sociais e políticas, tanto en canto aglutinan a milleiros de consumidores/as, fagan posible a galeguización da economía. Pasos xa se deron: a sinatura da “Carta do Consumo Responsable e solidario coas marcas que etiquetan en galego” por partidos e sindicatos fixo posible que o pasado Día da Patria Galega a presenza da campaña “Eu etiquetados en galego e ti? estivese presente en todos os actos convocados por Anova e CXG e BNG. Xavier Vence, voceiro desta formación, na súa alocución aos concetrados díxolles: “"Queremos decidir nós para poder producir algo e consumir tamén do noso. Para empezar queremos consumir produtos galegos e etiquetados en galego.. Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel. E nos alimentos, soberanía alimentar".
Queda moito por facer para que os galegos asuman o consumo en clave galega, e que a este proceso se incorporen os restaurantes, tal e como lles pedíu a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros co gallo da celebración do Día da Patria ofrecendo nas súas cartas etiquetados en galego; deste xeito farían causa coa decisión do Parlamento de Galicia que aprobou recentemente unha proposición non de lei de apoio á etiquetaxe en galego, e unha próxima recepción que a Cámara Galega ofrecerá aos empresarios de marcas recoñecibles na nosa lingua.
Ben deitamos destas axudas e colaboracións!