Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2022 | Actualizada ás 14:23
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a expropiación de catro leiras afectadas pola obra de emerxencia de acceso provisional ao municipio lucense de Folgoso do Courel, tras o derrube rexistrado o pasado 20 de marzo dun tramo da estrada LU-651 á altura do quilómetro 18, e que esperan abrir a última semana deste mes.
Segundo sinalou a Xunta nun comunicado, para executar as obras son necesarias catro leiras do concello de Folgoso do Courel, a cuxas expropiacións a administración autonómica destinará un investimento de preto de 38.000 euros. En todo caso, durante os próximos 15 días hábiles, os titulares dos terreos afectados poderán presentar alegacións ao proxecto.
Así mesmo, a Consellería afirmou que a semana pasada iniciáronse os traballos de asfaltado da nova vía que dará acceso provisional ao municipio como alternativa ao tramo cortado da LU-651. Ademais, a Xunta destacou que inviste un total de 917.000 euros na construción desta vía provisional, que ten unha lonxitude de 740 metros e facilitará a circulación entre Folgoso e Quiroga.
Actualmente, o tráfico está desviado pola estrada provincial que pasa pola Campa e Vidallón, pero, segundo a administración, non ofrece "a suficiente funcionalidade, en especial para os vehículos pesados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.