Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2022 | Actualizada ás 16:11
A ONG Fundación Franz Weber cifra en 250.000 os animais mortos nas máis de 20.000 hectáreas arrasadas polos incendios en Galicia, con base nos modelos preditivos da Universidade de Sidney (Australia) que estiman que por cada hectárea conviven entre dez e quince individuos de especies de mamíferos, invertebrados, aves e outros pequenos seres vivos.
"A iso habería que sumar aqueles que non puideron ser liberados de explotacións gandeiras e a animais de familia, como cans, gatos ou pequenos roedores", asegura nun comunicado. Por iso, advirte de que, "de non afrontar a crise climática coa gravidade que se lle supón, a humanidade vai directa ao desastre, tal e como están a lembrar os termómetros record e os lumes durante estas semanas en Galicia". Así mesmo, a ONG defende a fin da caza en espazos queimados e a intervención con accións de renaturalización.
Pola súa banda, a asociación ecoloxista Arco Iris solicita unha moratoria indefinida para a instalación de novos parques eólicos e a suspensión dos que estean en fase de tramitación neste momento. "O estado actual das superficies afectadas non permite o uso de maquinaria de ningún tipo e, moito menos, daquela utilizada para a instalación de parques eólicos", avisa.
Xunto a isto, Verdegaia informa de que brigadas 'deseucaliptizadoras' estarán o 23 de xullo en Froxán, municipio de Lousame. Nun momento de vaga de incendios, apunta que se traballará na limpeza de montes e eliminación de especies exóticas para contribuír a loitar contra o cambio climático.
Ademais, o Comité de Defensa do Monte Galego convocou unha nova manifestación este xoves, 21 de xullo, na Praza Maior de Ourense, baixo o lema 'Lume, nunca máis', para denunciar a situación de "abandono" e "imprevisión" da Xunta antes os incendios.
O COLEXIO DE XORNALISTAS PIDE Á XUNTA MELLORAR A INFORMACIÓN SOBRE LUMES
Noutra orde de cousas, o Colexio de Xornalistas demandou á Consellería de Medio Rural unha mellora na información sobre incendios forestais para facilitar o traballo xornalístico.
"A comunicación que está a realizar a Consellería de Medio Rural afástase do mínimo que sería desexable á hora de abordar un asunto tan relevante para a sociedade", quéixase o Colexio. "As notas de prensa con información sobre os lumes consisten, principalmente, nunha relación de datos sobre os distintos concellos, presentados de maneira fragmentada e inconexa, que na práctica producen opacidade e dificultan un labor informativo que vaia máis aló da simple transmisión do comunicado institucional", agrega.
Entre outros reproches, apúntase a falta de información sobre hectáreas totais afectadas, o número de focos activos, os efectivos que participan nas extincións, con datos achegados de "maneira dispersa". A isto súmase "a decisión de non informar os incendios de menos de 20 hectáreas", o que "non facilita tampouco o labor xornalístico".
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA TRASLADA A SÚA SOLIDARIEDADE A AFECTADOS
Mentres, a Deputación de Pontevedra trasladou a súa solidariedade ás persoas afectados polos incendios. Nun comunicado, o ente provincial explica que medios e persoal do Consorcio Provincial se sumaron desde o fin de semana ao operativo, os cales están a traballar nas zonas de Lugo e Ourense máis castigadas polo lume.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.