Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2022 | Actualizada ás 10:07
O grupo de traballo de estratexia enerxética da Universidade de Santiago de Compostela (USC) referendou, na súa reunión deste mércores, as primeiras medidas extraordinarias dirixidas ao aforro e mellora da eficiencia en materia enerxética, que entrarán en vigor este venres. Son propostas para a súa implantación a curto prazo e que se complementarán cun plan estratéxico do que se informará en Consello de Goberno con medidas a medio e longo prazo.
A modo de medidas xerais de aforro enerxético, o grupo propón o apagado automático dos equipos informáticos en horario nocturno e en quenda de tarde nos edificios administrativos, programado de maneira centralizada excepto para o persoal en réxime de teletraballo. Tamén se propón a redución da iluminación ambiental e ornamental, sen prexuízo do que sexa necesario por cuestións de seguridade.
Como xa se avanzaba na sesión constitutiva do grupo de traballo, prevese iniciar de maneira inmediata o control da temperatura e humidade así como o control e seguimento do uso de aparellos de climatización e a retirada de aparellos de calefacción portátiles. Neste sentido, tamén se instalarán medidores en todos os edificios que permitan contabilizar o consumo de enerxía.
Os edificios administrativos de Santiago e Lugo non terán actividade presencial en quenda de tarde desde o 1 de outubro. Concretamente, esta medida afectaría á Casa da Balconada, Colexio de San Xerome, servizos administrativos do edificio Cactus en Santiago e Lugo, Pavillón estudantil, Pavillón de Servizos, Unidade de Xestión Académica do Campus Norte, Vivendas dos Funcionarios e os espazos administrativos do Edificio Intercentros.
Ademais, aqueloutros con horario de apertura de 8,00 a 22,00 horas deberán revisar antes do 30 de setembro as franxas de ocupación e comunicarán, de ser posible, a reorganización da súa actividade para reducir os períodos de apertura.
Entre o 23 de decembro de 2022 e o 9 de xaneiro de 2023, coincidindo co período de vacacións de Nadal, a USC pechará as súas instalacións, desenvolvendo a súa actividade de maneira non presencial. Para a organización do traballo e o desenvolvemento dos labores cotiáns empregaranse as ferramentas corporativas virtuais dispoñibles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.