Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2022 | Actualizada ás 11:30
A taxa de absentismo laboral en Galicia incrementouse no segundo trimestre deste ano ata o 7,4%, o que supón un punto porcentual máis que no mesmo período de 2021, segundo o 'Informe trimestral: absentismo laboral e sinistralidade', elaborado por Adecco, que sitúa á Comunidade como a segunda autonomía con maior absentismo.
Así, Galicia colócase nove décimas por encima da media nacional, xa que no total de España a taxa de absentismo foi do 6,5%, un punto menos respecto da rexistrada entre xaneiro e marzo do presente exercicio, pero 0,1 puntos porcentuais máis que hai un ano.
En concreto, a galega é a segunda autonomía cunha maior taxa de absentismo, só superada por Canarias (7,5%). No outro extremo atópanse Baleares (4,9%) e Estremadura (5,9%).
O sector Servizos é o máis afectado o absentismo laboral a nivel nacional, cunha taxa dun 7,5%, crecendo 0,8 puntos desde o ano pasado. En Galicia, esta cifra sitúase no 7,5% tamén, sendo a terceira Comunidade con máis absentismo, por detrás de Canarias (7,9%) e País Vasco (7,8%).
Na Industria, o absentismo laboral sitúase no 6,7% en toda España, e no 8,2% en Galicia. Na Construción, a media nacional é do 5%, mentres que na Comunidade galega sobe ata o 5,9%, quedándose só por detrás de Asturias (6,3%).
DATOS NACIONAIS
A nivel nacional, a taxa de absentismo en España situouse no 6,5% no segundo trimestre de 2022, un punto porcentual por baixo do trimestre anterior, aínda que 0,1 puntos porcentuais por encima do segundo trimestre de 2021, sempre segundo o estudo de Adecco.
O absentismo laboral por incapacidade temporal entre abril e xuño rexistrou unha taxa do 5,1%, 0,8 puntos porcentuais por baixo dos datos do trimestre anterior.
Adecco inclúe neste informe trimestral os datos relativos á sinistralidade laboral, cunha incidencia de 234 accidentados por cada 100.000 habitantes en xornada de traballo no segundo trimestre, un 19% máis que no mesmo período do ano anterior.
No caso dos accidentes in itínere, producíronse 32 accidentes por cada 100.000 habitantes, cun aumento do 22% con respecto a 2021.
Máis do 99% dos accidentes en xornada de traballo son de carácter leve (141.788 accidentes), unha cifra similar que en in itinere cun 98,7% (19.456 accidentes).
Os accidentes mortais en xornada de traballo diminuíron ata o 0,1% (+6% interanual), que supoñen 145 accidentes, e aumentaron ata o 0,2% in itínere (+25% interanual) con 40 accidentes, segundo Adecco.
As comunidades autónomas máis afectadas pola sinistralidade laboral son Cantabria, cunha incidencia de 420 accidentes por cada 100.000 habitantes, seguido da Rioxa, con 372 por cada 100.000 habitantes, e Baleares, con 353 por cada 100.000 habitantes.
A incidencia de accidentes in itínere é maior en Baleares, con 46 accidentes por cada 100.000 habitantes; Cataluña, 41 por cada 100.000 habitantes; e Andalucía, 37 por cada 100.000 habitantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.