Fala a mocidade sobre a saúde mental: "eu nunca tiven a oportunidade de ir ao psicólogo no meu centro de estudos"

Feafes lanza un vídeo no Día Mundial da Saúde Mental que este ano se centra nos problemas da infancia e mocidade. A constante exposición a estímulos, ás redes sociais ou a incerteza sobre o futuro son algunhas das cuestións que afecta á saúde mental das máis novas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/10/2022 | Actualizada ás 09:44

Comparte esta noticia

Unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). A pandemia agravou problemas existentes aos que non se lles prestou a atención necesaria, á vez que foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental en menores de idade. 

Charla de Feafes sobre saúde mental na mocidade
Charla de Feafes sobre saúde mental na mocidade | Fonte: Feafes

 

Este 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da OMS e que este ano centra a súa temática na saúde mental na infancia e na mocidade, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. Cabe sinalar que a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24.

Segundo un informe de UNICEF, a ansiedade e a depresión representan ao redor do 40% dos problemas de saúde mental na infancia e na mocidade, ao que hai que sumar o malestar psicosocial de nenas, nenos e adolescentes que non chega a ser un trastorno mental, pero si perturba a súa vida, a súa saúde e as súas expectativas de futuro.

SUICIDIOS

A falta de recursos, tanto económicos como humanos, fai que a atención á saúde mental sexa moi insuficiente nun contexto no que os problemas desta índole da poboación infanto-xuvenil están a aumentar. O suicidio, por exemplo, supón un problema real entre a poboación moza; segundo un informe de Save the Children, o 3% dos e das menores tivo pensamentos suicidas no 2021.

Por iso, e para reverter esta realidade, Saúde Mental FEAFES Galicia lanza este luns nas súas redes sociais un vídeo que recolle testemuños de mozos e mozas que falan das súas inquedanzas e preocupacións respecto á saúde mental da súa xeración.

“Eu, por exemplo, nunca tiven a oportunidade de ir a un psicólogo no meu centro de estudos”, comenta Yara, mentres Marta advirte que “as listas de agarda para ir a un psicólogo público son interminables e as citas moi espaciadas, o que fai insostible levar un tratamento axeitado”. 

A constante exposición a estímulos, ás redes sociais ou a incerteza sobre o futuro son algunhas das cuestións ás que, sinalan, vese sometida a xuventude e que afecta negativamente á saúde mental. Non obstante, amósanse como unha xeración moi concienciada con este tema: “Ante todo, non debemos xulgar”, coinciden na resposta sobre que facer para coidar a saúde mental da xente que nos rodea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta