Denuncias contra o "mal funcionamento" da campaña de saneamento da Xunta

Granxeiros e representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apuntan a que existe un "patente malestar" no sector por como se desenvolveu a campaña de saneamento gandeiro en Abadín, que "está a causar prexuízos económicos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2022 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

Granxeiros e representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) reuníronse a semana pasada en Abadín para denunciar o mal funcionamento da campaña de saneamento e para demandar "medidas urxentes" á Consellería de Medio Rural.

Segundo detallan nun comunicado, a calidade da campaña de saneamento "ha ido diminuíndo" nos últimos anos. Denuncian demoras e falta de claridade na información sobre o control sanitario do gando.

"As persoas titulares das granxas somos as primeiras interesadas en que se detecten os animais enfermos nas explotacións, pero consideramos que hai que abordar cambios importantes na organización da campaña de saneamento, que lonxe de mellorar, cos anos sufriu unha importante deterioración, presumiblemente froito da privatización do servizo e da redución por parte da empresa adxudicataria do persoal que executa este programa de saneamento gandeiro", explicaron.

Apuntan ademais a que existe un "patente malestar" no sector por como se desenvolveu a campaña de saneamento gandeiro en Abadín, que "está a causar prexuízos económicos".

É por isto que as granxas solicitarán medidas a curto e longo prazo para mellorar o servizo de saneamento gandeiro e "mitigar" os impactos negativos que neste momento están a sufrir. Para avanzar neste ámbito convocaron ademais unha nova reunión para o próximo 2 de novembro.

Respecto da campaña actual, critican que se diagnostiquen animais en seguimento sen haber unha reacción clara, "só baseándose na variación de medida de calibre, non existindo un criterio claro para marcar aos animais e mesmo dándose casos que, con igual medida, unhas reses marcábanse para o sacrificio e outras quedaban en seguimento".

"Nalgunha parroquia hai explotacións inmobilizadas desde hai dous meses e sen ningunha información cuns tempos excesivos de espera sen saber que animais reaccionaron ás probas", citan.

A isto engaden que recibiron chamadas dalgunhas explotacións con animais en seguimento para comunircar que ían proceder á marcaxe dalgúns animais para sacrificio obrigatorio, "sen facilitar unha información completa dos resultados das probas e dos criterios aplicados en cada explotación".

Varias vacas tombadas na granxa Lacturale. Iñaki Berasaluce - Europa Press
Varias vacas tombadas na granxa Lacturale. Iñaki Berasaluce - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta