Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 15:45
Sindicatos celebran a baixada do número de parados en Galicia en outubro (389 persoas, un 0,27%), pero lamentan que o faga por baixo da media estatal, no 0,9% --con 27.027 desempregados menos--.
Concretamente, UXT destaca que se trata do mellor dato deste mes en toda a serie histórica. Esta redución, apuntan, prodúcese nun mes no que habitualmente aumenta o paro, situación que achacan á Reforma Laboral, "que está a corrixir a alta volatilidade que caracteriza ao mercado laboral galego". E é que, en comparación con outubro de 2021, o desemprego reduciuse en 10.325 persoas na comunidade autónoma galega, o que representa un descenso do 6,7%.
No conxunto estatal, o paro baixou en 27.027 desempregados en outubro en relación ao mes anterior (-0,9%), o seu maior retroceso neste mes dentro da serie histórica, grazas, sobre todo, ao comportamento do sector servizos e da agricultura.
Para a CIG, os datos "confirman a tendencia" avanzada nos últimos meses, que en Galicia o descenso do desemprego é "moito menor" que no resto do Estado. Inciden ademais en que o paro aumenta nas provincias de interior, "unha situación que é síntoma de que finaliza a época do turismo e de vivir do Camiño de Santiago".
PROVINCIAS E SECTORES
Segundo os datos publicados polo SEPE, o desemprego diminuíu en 327 persoas na Coruña (-0,57%) e en 122 en Pontevedra (-0,22%). Con todo, subiu en 28 parados en Lugo (+0,2%) e en 32 en Ourense (+0,19%).
Mentres, por actividades, o paro caeu en agricultura (25 persoas menos), industria (32 menos), construción (74 menos) e, sobre todo, servizos (831 menos), pero subiu no colectivo sen emprego anterior (573 desempregados máis).
Pola súa banda, o paro afectou en Galicia a 10.301 estranxeiros, 128 máis que en setembro (+1,26%) pero 21 menos que no mesmo mes do ano anterior (-0,20%). Do total, 3.195 son comunitarios e 7.106 extracomunitarios.
En canto aos demandantes de emprego, foron 208.914, deles 35.416 ocupados e 155.533 sen ocupación, que son (estes últimos) 1.032 menos que o mes anterior (-0,66%) e 10.410 menos que 12 meses atrás (-6,27%).
Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, o incremento entre estes colectivos "ten que ver moito con ese de traballo de carácter precario que se crea nestes meses e que fai que sigamos a ser os que temos maior taxa de paro de Europa".
MÁIS CONTRATACIÓN INDEFINIDA
No que se refire a contratación, a comunidade galega anotouse 69.958 firmas no mes, que son 11.047 menos que en setembro (-13,64%) e tamén un descenso, en 19.251 contratos, respecto do ocorrido hai un ano (-21,58%).
A distribución foi de 24.650 indefinidos (4.094 menos que en setembro pero 16.737 máis que en outubro de 2021) e 45.308 temporais (6.953 menos que en setembro e 35.988 menos que en outubro de 2021).
A este respecto, UXT destaca que, "pese ao incerto e difícil contexto internacional", a Reforma laboral "continúa xerando un impacto positivo no seu obxectivo de acabar coa precariedade laboral que predomina no país".
A pesar de que perciben "unha evolución xeral positiva", alertan de que a calidade de vida das familias traballadoras "deteriórase mes a mes, como resultado das elevadas taxas de inflación rexistradas e os escasos incrementos salariais asinados".
"Esta situación sería moi distinta se a patronal accedese a negociar un novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva(AENC) que, ademais de promover unha repartición máis equilibrada e xusto da crise inflacionista, outorga maior confianza tanto ás empresas como á clase traballadora", argumentan.
A CIG, pola súa banda, sinala que o máis relevante é que houbo un"descenso importante" respecto de outubro de 2021, 19.000 contratos menos. Aínda que apunta a que probablemente teña que ver coa cantidade de contratos fixos asinados estes meses, matiza que "se se debulla, vese que os contratos eventuais que se fixeron por causas da produción son o groso da contratación temporal e mesmo son máis que nos meses de marzo, abril e maio deste ano". No que incumbe á contratación indefinida, o secretario de Emprego destaca que "por primeira vez, os contratos fixos descontinuos superaron aos contratos fixos a tempo completo".
"Unha tendencia a apostar por esta modalidade de contratación como unha nova forma de explotación laboral, que se suma á parcialidad, que xa forma parte estrutural do novo modelo de mercado laboral español", afirman. É por este motivo que insisten en "derrogar" as reformas laborais "como único mecanismo para frear a precariedade e o empobrecimiento da clase traballadora".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.