Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/11/2022 | Actualizada ás 22:00
Galicia mira cara ao mar na procura dun futuro sostible baseado en enerxías limpas, como xa fixeron outros países máis avanzados do Atlántico nordés. Investigadores de diversos eidos veñen estudando durante os últimos anos o potencial e as posibilidades que ofrecen as augas galegas e a industria do país para a instalación de toda unha variedade de infraestruturas no mar que aproveiten a enerxía do vento ou a enerxía mariña. Os parques eólicos offshore levan vantaxe, mais existen propostas alternativas a estes que tamén están cobrando forza, como o aproveitamento da enerxía das correntes das mareas (enerxía mareomotriz) ou da enerxía das ondas mariñas (undimotriz).
Neste último campo, expertos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, de MeteoGalicia, do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal) e do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Facultade de Enxeñaría, Universidade de Galati "Dunarea de Jos” (Romanía) calcularon o recurso undimotriz ao longo da costa galega durante o período 2014-2021 e analizaron a potencia eléctrica e o rendemento que se pode obter do conversor de enerxía undimotriz Wave Dragon.
Para estes investigadores, os resultados do seu estudo “poñen de manifesto o gran potencial que ten Galicia para converterse nunha rexión xeradora de enerxía undimotriz”.
Todos os estudos confirman que Galicia é a mellor área da península ibérica para explotar a enerxía das ondas do mar
Como lembran estes expertos, “Galicia é a rexión en España con maior potencial de enerxía undimotriz (40-45 kWm), seguida do Mar Cantábrico (30 kWm) e o norte de Canarias (20 kWm)". Afirmación que coincide coa de expertos da Basque Research and Technology Alliance (BRTA), coñecida como Alianza Vasca para a I+D, onde se realizou unha investigación que sitúa áreas de Galicia e Portugal como as zonas mariñas máis idóneas da península ibérica para explotar enerxía undimotriz. Igualmente, científicos do grupo de investigación Medio Marino, Costero y Portuario y otras Áreas Sensibles, da Universidad Politécnica de Madrid, fixeron medicións durante dez anos na Rede de Boias de Aguas Profundas de Portos do Estado, repartidas en 15 puntos do litoral español, e descubriron que as tres áreas con maior potencial de enerxía de ondas mariñas están en Galicia: Cabo Vilán-Sisargas, Cabo Silleiro e Estaca de Bares, onde o potencial supera os 50 quilowats por metro de fronte de onda. Valores que contrastan cos rexistrados en puntos do Mediterráneo, como en Valencia, onde apenas se superan os 5 kWm.
Os resultados do novo estudo mostran que, en augas galegas, o recurso undimotriz é menor de 10 kWm (kilowatts por metro de frente de onda) preto da costa, pero aumenta ata 55 kWm en mar aberto.
Detalladamente, o recurso undimotriz medio ao longo da costa galega durante o período 2014-2021 calculouse para tres zonas: a costa oeste, a costa noroeste e a costa norte. Como esperaban, o recurso undimotriz está relacionado coa batimetría (profundidade), sendo menor nas áreas menos profundas.
En xeral, observaron que o recurso de enerxía das ondas mariñas é máis baixo preto da costa que en alta mar. Ao longo da costa oeste, o recurso aumenta de menos de 10 kW dentro das rías, ata arredor de 55 kWm en alta mar. Nas zonas noroeste e norte, os puntos de máximo recurso undimotriz (60 kWm) atópanse en zonas relativamente lonxe da costa. Na parte máis oriental da costa norte, o recurso é menor (ao redor de 20 kWm a 10 km da costa), xa que, como explican os investigadores, as ondas adoitan vir do noroeste e esa zona está a sotavento.
En cango aos patróns de potencia eléctrica, mostráronse moi similares nas tres áreas, diminuíndo cara a terra. Así, a potencia eléctrica que se pode obter co convertedor Wave Dragon presenta valores menores a 500 kW no interior das rías e 2.200 kW en mar aberto.
"O maior recurso de ondas atópase na parte máis ao norte da costa oeste, a costa noroeste e a parte máis ao oeste da costa norte de Galicia"
Os valores máis altos de potencia eléctrica (2500 kW), segundo os investigadores, “atópanse localizados en pequenas áreas superficiais relativamente lonxe da costa e enfronte de Cabo Ortegal e Estaca de Bares”. Segundo os seus resultados, a costa noroeste e a área máis occidental da costa norte son as que presentan a maior potencia eléctrica (2200 kW), mentres que “esta é menor na parte máis oriental da costa norte que na occidental (1.000 kW a uns 10 km da costa) debido á dirección dominante da ondada”, expoñen.
O patrón do factor de carga de potencia proporciona unha aproximación do nivel de aproveitamento do dispositivo, xa que compara a enerxía eléctrica obtida coa enerxía máxima que pode producir. Neste caso, observaron que é similar á potencia eléctrica, de modo que aumenta cara a mar aberto, alcanzándose valores do 30% naquelas zonas máis afastadas da costa, mentres que o menor valor se observou no interior das Rías Baixas, por debaixo do 10%. Valores algo maiores, pero por baixo do 15%, rexístranse na parte máis oriental da costa norte. As zonas que presentan os valores máis altos (25−30%) están na costa noroeste, en fronte da Costa da Morte e Costa Ártabra.
“En xeral, os resultados mostraron que o maior recurso de ondas atópase na parte máis ao norte da costa oeste, a costa noroeste e a parte máis ao oeste da costa norte. Isto débese principalmente a que a ondada ten unha dirección noroeste e estas áreas están máis expostas á ondada”, explican estes expertos, que aconsellan a instalación do convertedor de enerxía undimotriz Wave Dragon como a mellor opción, sendo a costa noroeste a “máis adecuada para esa instalación”, din.
Así, os expertos comparan este dispositivo con outros populares para o aproveitamento da enerxía das ondas: “Os convertedores de enerxía undimotriz utilizan soamente parte do recurso dispoñible para producir electricidade. A potencia eléctrica capaz de producir o convertedor depende da súa matriz de potencia [contén a enerxía eléctrica producida polos dispositivos segundo o estado do mar] e da probabilidade de ocorrencia dos estados de mar. Atendendo á matriz de potencia de Wave Dragon, cuxa potencia eléctrica máxima é de 7.000 kW, agardaríase unha alta potencia eléctrica en comparación con outros dispositivos como Oyster, Pelamis ou AquaBuoy, que presentan valores de potencia máis baixos nas súas respectivas matrices de potencia”.
ONDE INSTALAR PARQUES UNDIMOTRICES?
O feito de que a potencia eléctrica diminúa canto máis preto estamos da costa fai pensar que a mellor opción é instalar parques undimotrices afastados da costa. Con todo, estes expertos recordan que “a instalación de parques mariños lonxe da costa supón un aumento dos custos de instalación e mantemento, polo que se debe buscar un equilibrio entre unha alta produción enerxética e a proximidade á costa”.
Os expertos propoñen que “un posible emprazamento podería estar preto do Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira”
Por outro lado, lembran a importancia de considerar aspectos ambientais e humanos á hora de elixir o mellor dispositivo e a área de instalación.
“Aínda que a análise das cuestións xurídicas queda fóra do alcance da nosa análise, é importante mencionar que Galicia conta cun gran número de portos distribuídos por todo o litoral e lugares de interese ambiental e pesqueiro como o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Reserva Mariña dos Miñarzos nas Rías Baixas, ou a Zona de Protección de Aves da Costa da Morte (ZEPA). De feito, pódese observar que practicamente todo o litoral galego está bañado por parques naturais e nacionais, Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), reservas mariñas de interese pesqueiro, ZEPA e humidais RAMSAR”.
Así, pensando na instalación de parques undimotrices fronte á costa galega, e tendo en conta distintas consideración e factores, insisten en que o Wave Dragon é a mellor opción tecnolóxica para Galicia, xa que aínda que “dispositivos como Aqua Buoy ou Pelamis teñen a vantaxe de que poden instalarse lonxe doutras actividades socioeconómicas e lugares ambientais importantes, xeralmente situados preto da costa, a instalación lonxe da costa pode levar a subir os custos de instalación e mantemento”. Nese sentido, din, “Wave Dragon ten a vantaxe de que se pode situar algo máis preto da costa, evitando conflitos con certas actividades socioeconómicas” e, ademais, “opera a profundidades que permiten a súa instalación o suficientemente lonxe da costa como para evitar zonas de interese ambiental”.
As posibles localizacións que propoñen “serían preto de estruturas artificiais como, por exemplo, portos onde o impacto visual e o conflito con outras actividades sexan menos significativos”.
Singularmente, propoñen que “un posible emprazamento podería estar preto do Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira”, tendo en conta tanto os datos obtidos no estudo como o feito de que “a instalación preto de portos pode reducir os custos de mantemento” do convertedor.
Novos datos confirman Galicia como a mellor zona para explotar a enerxía eólica mariña
Os resultados do estudo e a proposta foron presentados no XII Congreso Internacional da Asociación Española de Climatología (AEC) ‘Retos del Cambio Climático: impactos, mitigación y adaptación’, celebrado en Santiago de Compostela do 19 ao 21 de outubro pasados.
EÓLICA MARIÑA
Nese mesmo congreso, expertos da Universidade do País Vasco presentaron os resultados doutro estudo centrado na eólica mariña (aproveitamento do vento no mar). Concretamente, analizaron a evolución da densidade de potencia eólica e o factor de capacidade offshore para a Península Ibérica no século XX.
Os resultados mostran que os valores medios de densidade de potencia eólica e factor de capacidade offshore ao longo dos 100 anos do pasado século son maiores na zona noroeste Atlántica e no Golfo de León, con máis de 600 Wm, e destaca tamén a zona de Cabo de Gata (590 Wm), mentres que os valores mínimos atópanse na zona das Illas Baleares. Galicia confírmase, polo tanto, como a mellor zona para explotar a enerxía do vento coa instalación de parques eólicos no mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.