Por E.P. | OURENSE | 04/11/2022 | Actualizada ás 12:50
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza nos municipios de Verín e Oímbra para a loita contra incendios.
Tal como explicou o Goberno galego, esta iniciativa enmárcase no proxecto Interlumes do Programa de Cooperación Interreg V-A España-Portugal, no que participan a Xunta, o Goberno portugués e outras institucións galegas, castelán leonesas e estremeñas, e que conta cun investimento total de máis de 9 millóns de euros.
As obras desta base aérea consistirán na construción da primeira base para avións transfronteiriza para o reforzo da capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, co obxectivo de consolidar os mecanismos de cooperación na fronteira en favor da cohesión territorial e da constitución dunha organización de resposta conxunta na xestión de emerxencias.
Tras a publicación deste anuncio, as persoas que o consideren oportuno poderán formular por escrito as súas observacións, alegacións ou rectificacións do proxecto. Este trámite realizarase durante un período de 20 días hábiles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.