Este relato conteillelo aos alcaldes e alcaldesas ourensás que o pasado día 23 de outubro foron convocados pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia en Ourense, para conmemorarmos o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Unha efeméride que tenta chamar a atención das institucións e dos cidadáns para visibilizar unha contradición que debemos superar: mentres as parroquias dos vivos se expresan maioritariamente en galego, unha vez que atravesan o portalón do cemiterio para dormiren o sono eterno, son lembrados no idioma que nunca falaron, o castelán.
Os rexedores municipais asinaron un documento que recolle estes fundamentos e algunhas medidas prácticas: colocar na porta dos cemiterios unha placa que diga “na memoria de todos os que aquí xacen porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu” e, a posibilidade de substituír unha lápida en castelán por outra en galego dalguén que fose unha persoa senlleira na parroquia (gaiteiro, canteiro, mestre…).
Os alcaldes teñen agora a posibilidade de celebraren un Día de Defuntos distinto, participativo e con significado cultural organizando actos nos cemiterios, municipais ou parroquiais, no que a música, a poesía e as sentidas intervencións de mozos e vellos sexan un canto á esperanza en aras da galeguización deses espazos nos que está depositada a memoria lingüística de homes e mulleres anónimos que deixaron unha forte pegada na vida transmitíndolles aos seus a nosa cultura. Eles foron os creadores da nosa identidade, da nosa música popular e tradicións que nos transmitiron a través do relato oral. Un pasado que debe ter futuro.
O próximo día 1 de novembro, Día de Defuntos, que tanta tradición ten na nosa cultura popular, volveranse encher os camposantos de xentes que acudirán con flores a lembrar a memoria dos seus defuntos. Reviviranse anécdotas, ensinanzas e o bo facer dos nosos devanceiros que nos legaron un patrimonio cultural e lingüístico que hoxe nos define como pobo.
A mellor homenaxe que se lles pode facer sería restituír a verdade da súa existencia substituíndo a lápida en castelán por outra en galego na que se enxalcen as súas virtudes.