"De luces... e de sombras”

Falando de Vigo e das súas luces, por centrarnos, a min se me ocorre sobre todo unha pregunta, que traio hoxe para vostedes, mirando ao mar e, moi especialmente, a ese mar agarimoso, especial, incriblemente belo e que xa seducía no século XIII aos trobadores como Martín Codax nas súas cantigas de amigo... Aí vai: Esas moreas de xentes que agora veñen a ver Vigo con tantos “leds” pendurados nas rúas, non repararon antes no maxestoso de moitos dos seus edificios, nas súas formidables solucións arquitectónicas e na extrema beleza da súa contorna? Eu son dos que penso que hai moitas razóns para visitar Vigo. E ningunha delas é, para min, a pouco elegante exhibición de luces de feira, que conxugan a frialdade dos “leds” cunha sospeita permanente sobre sostibilidade ambiental e social.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 09/12/2022

Comparte esta noticia
Non me molesta especialmente o parque temático de Nadal en que se están a converter algunhas cidades, dentro da súa aposta por diferenciarse e por acadar a súa cota no importante pastel turístico que se reparte nestes tempos no país. Persoalmente, non me gusta. Nada. Pero creo que o respecto á diversidade empeza sempre por un mesmo, e se os demais -ou boa parte deles- desfrutan co que eu aborrezo, pois hai que roelo. Por iso, se vostede é dos que pasea estes días por Vigo e se sinte algo mellor por todas esas moreas de abafantes luces e turistas, xenial. E se é dos que, grazas a elo, está a ter mellores números ao fin do trimestre, pois tamén alégrome por vostede, sinceramente. Pero iso é unha cousa e outra que eu non poida pensar ou sentir como queira e que eu diga ou escriba que, para min, non é.
 
“Pois non vaia vostede aos sitios que se adornan de tal guisa, con tal profusión de elementos relacionados hoxe con esa forma tan particularmente “kitsch” e faranduleira de ver o Nadal”, me dirán vostedes... Ben, non é tan sinxelo... No caso de Vigo, por exemplo, estamos falando dun lugar moi especial para min, e por iso centrareime nela na miña argumentación. De alí tiven a sorte de traerme, xa hai máis de vinte anos, o mellor da cidade -o meu rapazolo- e, consecuentemente, por aí teño desde entón familia que me quere. Non lles conto, por exemplo, o complicadísimo -e caro- que é poder reservar unha habitación nun hotel para pasar con eles a Noitevella, por exemplo, desde que hai dez anos foi articulándose ese concepto de Vigo como un Nadal que hai que ver... Unha tarefa moitas veces case imposible. De verdade.
 
O que está claro é que eu non serviría para Alcalde dunha cidade, porque entendo que son personaxes que teñen que, para tratar de contentar a todos, traizoar ás veces as súas propias conviccións máis íntimas. Como Alcalde de cidades como Coruña, Vigo, Compostela ou outras con elevada tradición futbolística, eu sería un desastre, porque no fútbol ía ser difícil que me vesen máis aló dun partido ao ano, poñamos por caso, e sufrindo. Gustoume sempre xogar -de “medio estorbo”- pero o de velo vai máis aló do que podo soportar. Para min é soporífero. E, da mesma maneira, gústanme máis as rúas núas, sen luces e sen ruídos que esnaquizan os ouvidos, mostrando a nobreza da nosa pedra ou os seus recunchos máxicos, co cal a miña proposta sería a contraria da actual: ao mellor un pequeno detalle nun lugar emblemático e... pouco máis.  Onde xa sería terrible sería nunha cidade na que houbese tradición de touros... Que medo, meu Deus! Aí xa nin sufrindo... Directamente, non.
 
Pero falando de Vigo e das súas luces, por centrarnos, a min se me ocorre sobre todo unha pregunta, que traio hoxe para vostedes, mirando ao mar e, moi especialmente, a ese mar agarimoso, especial, incriblemente belo e que xa seducía no século XIII aos trobadores como Martín Codax nas súas cantigas de amigo... Aí vai: Esas moreas de xentes que agora veñen a ver Vigo con tantos “leds” pendurados nas rúas, non repararon antes no maxestoso de moitos dos seus edificios, nas súas formidables solucións arquitectónicas e na extrema beleza da súa contorna? Eu son dos que penso que hai moitas razóns para visitar Vigo. E ningunha delas é, para min, a pouco elegante exhibición de luces de feira, que conxugan a frialdade dos “leds” cunha sospeita permanente sobre sostibilidade ambiental e social. E non me entendan mal: está ben que haxa luces se a vostedes lles gustan, e penso que hai moita xente en tal liña, absolutamente encantada... Pero para min, non tocan... E o que fago nestes días cando vou por alí é tratar de evitar o “núcleo duro” ou “zona cero”, na que me é imposible case respirar...
 
En fin, non sei que me diría sobre isto don Abel se volvésemos vernos, como hai anos, precisamente a última vez na inauguración do Hotel Nagari, na que intervimos. Que non se tome a mal as miñas disquisicións sobre esta cuestión, que sei que non deixa indiferente a ninguén. Sei que a súa é unha aposta firme polo tecido económico da cidade, e que moita da xente da urbe está satisfeita ou moi satisfeita co que se argallou alí. Pero teño as miñas dúbidas sobre a sostibilidade de todo isto, nunha filosofía que por ser máis esaxerada cada ano pode terminar fagocitándose a si mesma, na porta dunha nova era na que a sinxeleza, o alixeiramento, a sobriedade e a máis alta eficiencia van ser os atributos fundamentais... Dúbidas, por un lado, e tema de gusto, por outro... Porque, repito, mira que é bonito o centro de Vigo, con recunchos urbanos que ben recordan a París, nun entorno privilexiado... E que, para min, quedan afeados e feitos un asco cando se lle pon toda esa trangallada enriba, que dista moito de ser un detalle bonito, para pasar a se converter nun despropósito...
 
En fin... recuperarei a Alameda metido xa Xaneiro... Mentres tanto, que non se me esqueza, queridos lectores e lectoras do Galicia Confidencial: Moi bo Nadal !!
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no aceso das luces de Nadal da cidade
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no aceso das luces de Nadal da cidade | Fonte: Javier Vázquez - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.