Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2022 | Actualizada ás 13:35
A portavoz de Emprego do grupo socialista do Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta un "plan de choque" contra a perda de traballo da muller rural.
Neste sentido, Rodríguez urxiu ao Goberno galego "medidas concretas de discriminación positiva", así como de impulso real en todas as políticas e cun cronograma concreto para a súa execución e un orzamento necesario.
A deputada chamou á reflexión sobre o papel das mulleres rurais para o desenvolvemento social, polo que insistiu na importancia de promover o seu recoñecemento e na necesidade de garantir o desenvolvemento pleno dos seus dereitos.
Nun comunicado, o PSdeG alertou do "esborralle" dos nacementos e da masculinización da poboación nos núcleos de interior, nos que o censo está dominado por homes. Por iso, reclamaron un estudo sobre esta situación e propostas para combater este fenómeno.
"Trátase dun factor fundamental para o despoboamento do rural galego, ligado ao desmantelamento dos servizos públicos e privados, que provoca que as mulleres atopen moitas dificultadas á hora de pór en macha o seu proxecto de vida no rural e a falta de emprego", reivindicou Rodríguez Dacosta.
Para ela, o Executivo autonómico ten a obrigación de "facilitar que a agricultura e a gandaría sexan oportunidades para as mulleres", polo que culpou á Xunta de ser a responsable de que Galicia sexa a comunidade que máis emprego destrúe no rural.
Así, pediu "implicación de forma decidida" para conseguir un medio rural máis igualitario e diminuír a brecha de xénero existente no sector agrogandeiro e fomentar unha maior participación de mulleres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.