Piden cinco anos de cárcere para unha parella por transportar na carrozaría do coche cocaína e heroína

Ao condutor acúsano tamén dun delito contra a seguridade viaria, xa que non contaba co permiso de conducir, retirado por un delito anterior

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2022 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide para un parella cinco anos de cárcere por transportar na carrozaría e na tapa do depósito de gasolina do coche no que viaxaban varios gramos de cocaína e heroína. Ao condutor tamén lle imputan un delito contra a seguridade viaria por conducir sen o permiso requirido en vigor, retirado por unha condena anterior. O caso, procedente do Xulgado de Instrución nº1 de Ferrol, xulgarase na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña o martes 13 de decembro, ás 9,45 horas.

Segundo relata o Ministerio Fiscal no seu escrito, o día 2 de abril de 2020 os procesados foron sorprendidos por efectivos policiais cando circulaban no vehículo Seat León, á altura do quilómetro seis da autoestrada AG 64 As Pontes da localidade de Ferrol con diversas sustancias destinadas por ambos, de común acordo, ao seu tráfico ilícito con terceiras persoas.

A parella portaba na tapa do depósito de gasolina e encastrada entre o tapón e a carrozaría, un anaco de papel albal que contiña no seu interior, envolvido en filme transparente, heroína nunha cantidade de 9,86 gramos netos, cunha riqueza do 52,09% e, noutro envoltorio transparente, cocaína nunha cantidade de 0,74 gramos netos e unha riqueza do 96%. Apuntan no escrito que nesa data as sustancias tiñan no mercado ilícito un prezo de 2.556,27 euros en canto á heroína, e 192,82 euros, en relación á cocaína.

Ademais, o condutor circulaba aos mandos do citado vehículo, a pesar de coñecer que non contaba co permiso de conducir en vigor por perda dos puntos asignados legalmente por resolución administrativa da Xefatura provincial de tráfico de Lugo de 2019.

DELITOS E PENAS

Así as cousas, a Fiscalía impútalles un delito contra a saúde pública, polo que piden cinco anos de cárcere para cada un e unha multa de 8.000 euros con 200 días de responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento.

Ao condutor acúsano tamén dun delito contra a seguridade viaria, polo que lle piden 24 meses de multa cunha cota diaria de oito euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria que proceda.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta