Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/12/2022 | Actualizada ás 12:20
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso no que uns pais reclamaban unha indemnización de 125.000 euros ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) por unha "asistencia inadecuada" durante o parto do seu fillo no Hospital do Barbanza, en agosto de 2015.
Segundo recolleron os maxistrados na sentenza, non hai "ningunha proba sobre a que poder sustentar a pretensión indemnizatoria da parte recorrente". Así, os xuíces incidiron en que "non hai visos dunha asistencia inadecuada, insuficiente ou incorrecta ao parto" tal e como aseveraron e corroboraron os facultativos consultados, entre os que se nomean ao xefe do Servizo de Obstetricia e Ginecología do CHUS, así como a un perito xudicial, "todos eles especialistas en obstetricia e xinecoloxía".
"O control do embarazo foi acorde aos protocolos establecidos, tanto no período inicial do parto como no expulsivo. A utilización da ventosa e posterior emprego do fórceps de Simpson como instrumentos de extracción do feto foron axustados á situación exposta en cada momento e conformes á lex artis", afirmou o TSXG na súa resolución.
Nela, os xuíces tamén subliñaron que o fórceps era "a solución máis correcta á vista da presentación fetal naquel instante e ao obxecto de evitar unha manobra de rotación da cabeza do feto".
Ademais, o alto tribunal galego recalcou que "ningunha contraindicación existía, ao comezo do parto, para a utilización da ventosa, pois este instrumento, do mesmo xeito que o fórceps, era unha opción correcta e axustada".
"NON HOUBO MALA PRAXE"
Os maxistrados indicaron que, dos informes emitidos polo facultativos respecto ao nado, "non houbo mala praxe". "Tampouco houbo atraso no diagnóstico das fracturas cranial e clavicular do bebé e, en todo caso, a súa corrección resultou plenamente satisfactoria e sen secuelas de ningún tipo", engadiron.
Ademais, os xuíces indicaron que as lesións que a recorrente afirma sufrir por mor da episiotomía "non só son complicacións frecuentes tras un parto vaginal, senón que foron corrixidas satisfactoriamente mediante as medidas terapéuticas habituais".
A sentenza tamén recolle que "non se acreditou que o medo, nin a tensión, nin a indefensión ou gran humillación que a parturienta di sufrir durante o parto e sobre os que trata de sustentar o seu trastorno ansioso depresivo, traian causa da asistencia recibida".
Por todo iso, o TSXG desestimou o recurso e confirmou a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela en decembro de 2021. Ademais, o alto tribunal galego impuxo á parte recorrente as costas procesuais. Contra a sentenza pode interporse recursode casación ante o Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.